Volver ao contido

Notas de prensa

A Xunta destinará 120 millóns de euros ao Fondo de Cooperación local nos Orzamentos de 2017, un 3% máis que este ano

A Xunta destinará 120 millóns de euros ao Fondo de Cooperación local nos Orzamentos de 2017, un 3% máis que este ano

 

 

  • O Goberno galego trasladoulle hoxe á Fegamp que esta partida orzamentaria se incrementa en 3,6 millóns con respecto ao vixente exercicio
  • Mantense a partida destinada ao fondo para o fomento das fusións, que supera os 2 millóns de euros

 

Santiago, 30 de novembro de 2016.- A Xunta de Galicia trasladoulle hoxe á directiva da  Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) que nos Orzamentos para 2017 o Fondo de Cooperación Local (FCL) terá unha dotación presupostaria de 119,8 millóns de euros.

 

O vicepresidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez; mantiveron un encontro cunha representación da FEGAMP, encabezada polo seu presidente, Alfredo García.

 

Os representantes da Xunta explicaron que a partida orzamentaria para o Fondo de Cooperación Local nas contas de 2017 situarase en 119,8 millóns, e que se incrementará no 2017 respecto ao actual exercicio en 3,6 millóns. A eles hai que sumar outras liñas de axudas e subvencións das distintas consellerías, así como a dotación correspondente ao Fondo de Compensación Ambiental.

 

No encontro de hoxe tamén estiveron presentes por parte da entidade municipalista o vicepresidente primeiro, Alfonso Villares e o vicepresidente segundo, Evencio Ferrero. Por parte da Xunta participaron na reunión a directora xeral de Administración Local, Marta Fernández-Tapias; e o director xeral de Planificación e Orzamentos, Miguel Corgos.

 

Fondo especial para o fomento das fusións

Ademais, durante a reunión, o vicepresidente e o titular de Facenda tamén lles explicaron aos representantes da FEGAMP que nos Orzamentos do vindeiro ano se mantén o fondo especial para o fomento das fusións voluntarias entre os concellos galegos, dotado con máis de 2 millóns de euros.

 

Dito fondo, creado no exercicio de 2016, enmárcase na aposta da Xunta por beneficiar aos concellos que aposten por sumar esforzos e fusionarse, e vai na liña doutras medidas postas en marcha polo Goberno galego para fomentar a cooperación entre municipios.