Volver ao contido

Notas de prensa

A Xunta eleva o crecemento do PIB galego en 2016 ao 3% e prevé un teito de gasto para 2017 de 9.039 millóns, un 2,7% máis

A Xunta eleva o crecemento do PIB galego en 2016 ao 3% e prevé un teito de gasto para 2017 de 9.039 millóns, un 2,7% máis

  • O Goberno galego actualiza o cadro macroeconómico de Galicia para o período 2016-2017 e elabora unha estimación do límite de gasto non financeiro
  • Dispoñer dunha previsión de teito de gasto permitirá avanzar no deseño dos eixes prioritarios e actuacións do Orzamento da Xunta para 2017
  • O obxectivo é que a parálise a nivel estatal afecte o menos posible á elaboración das contas autonómicas para o vindeiro ano
  • A estimación da Xunta supón incrementar en 235 millóns de euros o gasto incluído no Orzamento vixente
  • A revisión á alza do cadro macro está motivada polo mellor comportamento da economía galega e, en particular, do consumo interno e das exportacións
  • Tamén mellora a previsión da taxa de paro, que baixa case un punto
  • A estimación para Galicia é unha décima superior á do Goberno para España (2,9%)
  • Para o vindeiro ano prevese un crecemento do 2,3% polo efecto negativo do Brexit, na mesma liña que no conxunto de España

 

Santiago, 8 de setembro de 2016.- A Xunta de Galicia prevé que a economía galega medre en 2016 unha media do 3% en taxa interanual, o que supón que o PIB autonómico creza cinco décimas máis que o previsto nos Orzamentos vixentes. Ademais, o Executivo autonómico estima que o teito de gasto para 2017 medre ata os 9.039 millóns de euros, un 2,7% máis que o gasto incluído nos Orzamentos do actual exercicio.

 

Segundo figura nun informe abordado hoxe no Consello da Xunta, o Goberno galego vén de actualizar o cadro macroeconómico incluído nos Orzamentos para o actual exercicio. Ao mesmo tempo, a Xunta conta xa cunha previsión de teito de gasto para 2017, o que permitirá avanzar no deseño dos eixes prioritarios e nas actuacións do Orzamento da Comunidade Autónoma para o vindeiro ano.

 

O Goberno galego prevé que o límite de gasto para 2017 ascenda a 9.039 millóns de euros. Isto supón un incremento de 235 millóns sobre o Orzamento vixente (8.804 millóns), aínda que a capacidade de gasto real medraría aínda máis tendo en conta que se volverá reducir o capítulo de gasto financeiro. Destes 9.039 millóns, 8.719 son ingresos non financeiros, 297 proceden do cumprimento do obxectivo de déficit e 22 millóns de axustes de contabilidade nacional.

 

O obxectivo da Xunta é que parálise política a nivel estatal afecte o menos posible á elaboración das contas autonómicas para o vindeiro ano. 2016 foi o primeiro exercicio no que Galicia non puido aprobar un teito de gasto, dado que a Administración do Estado non comunicou as entregas a conta que recibirá cada comunidade en 2017.

 

Previsión á alza

De xeito paralelo, a Xunta vén de actualizar o seu cadro macroeconómico. Este establecía unha previsión de crecemento do PIB galego para 2016 do 2,5% e unha taxa de paro do 18,3%. Coa actualización do cadro que realiza o Instituto Galego de Estatística (IGE), a nova estimación do PIB galego para este ano medra ao 3%, cinco décimas máis que a vixente.

 

Esta previsión para 2016 é unha décima superior á estimación do Goberno para o PIB de España, que é do 2,9% logo da última modificación do cadro macroeconómico de España aprobada polo Consello de Ministros o pasado 29 de xullo.

 

Menor taxa de paro

Respecto da taxa de paro, a nova previsión da Xunta mellora este indicador en 2016 ao 17,4%, case un punto menos que a estimación vixente ata agora para o presente ano (18,3%). A previsión para Galicia é 2,3 puntos menor que a estimación actualizada polo Goberno para o conxunto de España, do 19,7%.

 

Esta mellora das previsións susténtase na mellor evolución do consumo interno -tal como están reflectindo os principais indicadores coxunturais- e no bo comportamento da demanda exterior, posto que as exportacións van camiño de acadar un novo récord histórico en 2017.

 

De feito, os últimos datos de Contabilidade Trimestral publicados a finais de agosto polo IGE confirman a consolidación da recuperación da economía galega. O PIB autonómico xa está a medrar a un ritmo anual do 3% -o máis elevado dende principios de 2008-, e no segundo trimestre a economía galega creceu un 0,8%.

 

O procedemento ordinario da Xunta é publicar unha actualización do cadro macroeconómico de Galicia no verán. Isto coincidía todos os anos coa aprobación do teito de gasto non financeiro para o seguinte exercicio. Este ano, pese á imposibilidade que teñen as comunidades autónomas de poder aprobar un teito de gasto, o Goberno galego actualiza igualmente o seu cadro macroeconómico do exercicio.

 

Efecto negativo do Brexit

A actualización do cadro macroeconómico tamén inclúe as previsións para 2017. A Xunta prevé para dito exercicio que o PIB galego medre un 2,3%, un crecemento inferior ao deste ano a consecuencia principalmente do efecto do Brexit. Esta previsión tamén coincide coa do Goberno do Estado para o conxunto de España.

 

A previsión de taxa de paro de Galicia para 2017 estima unha baixada de case dous puntos respecto ao ano anterior, ata diminuír ao 15,6%. Deste xeito, Galicia manterá un diferencial positivo en taxa de paro de España de 2,2 puntos o vindeiro exercicio, dado que a estimación de paro para o conxunto do Estado é do 17,8%.

 

Con este novo cadro macroeconómico, a Xunta mantén a senda trazada no Plan Estratéxico de Galicia (PEG), tanto na evolución positiva da taxa de paro coma no crecemento do PIB. De feito, no PEG prevese un crecemento medio do PIB no entorno do 2,5%, e a media do período 2016-17 quedaría no entorno do 2,7%