Volver ao contido

Notas de prensa

A Xunta executou en 2016 o 100,9% do orzamento e cumpriu un ano máis o obxectivo de déficit ao pechar o exercicio no 0,58%

A Xunta executou en 2016 o 100,9% do orzamento e cumpriu un ano máis o obxectivo de déficit ao pechar o exercicio no 0,58%

  • Galicia consolídase como referente no cumprimento dos obxectivos de estabilidade orzamentaria
  • A Xunta baixou un 13% o déficit da Comunidade Autónoma e mantén a senda de redución progresiva, o que permite aforrar en xuros e dispoñer de máis recursos
  • O Goberno galego reforzou o gasto social aumentando o gasto en sanidade, dependencia, transporte escolar ou universidades
  • O gasto de persoal medrou 107 millóns polo aumento salarial do 1%, o reforzo das substitucións no Sergas e servizos sociais, e a devolución da extra de 2013
  • O control do déficit permitiu reducir en 92 millóns os xuros da débeda desde 2014
  • Nos ingresos, a baixada fiscal tivo un impacto de 41 millóns de euros que quedaron en mans das familias e fogares galegos

A Xunta de Galicia acadou en 2016 unha execución orzamentaria do 100,9% e volveu cumprir o obxectivo de déficit público para todas as comunidades autónomas, xa que o déficit de Galicia se reduciu ao 0,58% do PIB, por debaixo do límite do 0,7%. Ademais, Galicia consolídase como a comunidade autónoma de referencia no control da estabilidade orzamentaria, xa que conseguiu reducir o déficit nun 15% sobre o ano 2015.

Segundo reflicte un informe presentado hoxe no Consello da Xunta polo conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, o déficit de Galicia no peche do exercicio 2016 baixou ao 0,58% en termos de contabilidade nacional, fronte ao 0,68% rexistrado no peche de 2015. Isto significa que Galicia cumpriu o límite máximo de déficit do 0,7% para o conxunto das comunidades, establecido polo Consello de Política Fiscal e Financeira (CPFF).

Nesta mesma liña, Galicia mantén o compromiso de volver cumprir neste 2017 o obxectivo de déficit -establecido no 0,6% polo CPFF-, e así está fixado nos Orzamentos da Comunidade Autónoma xa en vigor desde este mes de febreiro. O cumprimento dos obxectivos de estabilidade orzamentaria é unha das bases do modelo de crecemento san que está a impulsar Galicia, e que aposta pola redución do déficit e do gasto en xuros para poder dedicar máis recursos a gasto social e a investimentos.

O cumprimento do obxectivo de déficit foi posible pola boa execución orzamentaria acadada en 2016. En concreto, Galicia acadou no exercicio unha execución do 100,9% do gasto non financeiro, xa que executou o pasado ano un total de 8.806 millóns de euros, dos que 7.554,9 millóns se corresponden con gasto corrente e 1.251,3 millóns con gastos de capital.

Máis gasto social
O Goberno galego volveu reforzar en 2016 o gasto social, tal como indican os datos de execución orzamentaria. En termos homoxéneos, a Xunta dedicou 70 millóns máis ao gasto corrente en sanidade, 38 millóns máis á atención á dependencia e 30 millóns máis á promoción do emprego. Tamén incrementou en 5 millóns de euros o gasto corrente en centros escolares e transporte escolar.

No gasto corrente, a partida con maior volume executado no orzamento de gasto volveu ser a de gastos de persoal, na que se executaron 3.648,7 millóns de euros. Isto supuxo un incremento de 107 millóns sobre o ano anterior, motivado polo incremento retributivo do 1%, pola devolución da parte devindicada da paga extra de 2013 e polo reforzo das substitucións principalmente no Sergas e nos servizos sociais.

En canto aos gastos de capital, a Administración autonómica en 2016 executou 1.251,8 millóns de euros en investimentos reais e transferencias de capital. Á espera de coñecer os datos de peche de exercicio que publicará o Ministerio de Facenda e Función Pública, Galicia era en novembro a segunda comunidade autónoma con maior esforzo investidor no seu orzamento, duplicando a media autonómica.

92 millóns menos en xuros da débeda
O informe presentado polo conselleiro de Facenda reflicte tamén que o gasto executado en xuros de débeda reduciuse en 38,3 millóns de euros respecto ao ano 2015 e en 92 millóns tendo en conta os dous últimos exercicios. Este importante aforro é consecuencia tamén do control do déficit e da débeda pública que vén efectuando a Xunta nos últimos anos, e que permite dedicar menos recursos á débeda para dedicalos a gasto social e investimento.

De feito, Galicia é a comunidade autónoma que menos incrementou o seu volume de débeda pública dende o ano 2009, e na actualidade mantén un endebedamento seis puntos inferior á media autonómica, cando este indicador en 2008 era superior en Galicia á media do conxunto das autonomías.

Baixada de impostos
Respecto ao orzamento consolidado de ingresos, a execución total no exercicio 2016 foi de 8.480,4 millóns de euros, dos que 8.055,2 millóns correspóndense con ingresos correntes e 425,2 millóns de ingresos de capital.

Neste apartado, o informe reflicte o efecto que tivo a baixada de impostos aprobada pola Xunta de Galicia desde xaneiro de 2016, e que supuxo a supresión do imposto de sucesións para o 99% dos galegos cando reciben unha herdanza dun familiar directo, a rebaixa do IRPF para o 98,5% dos contribuíntes e a posta en marcha dun programa de impostos cero no rural, ampliado neste 2017 á adquisición dunha vivenda habitual no eido rural para mozos, familias numerosas e persoas con discapacidade.

Esta rebaixa de impostos tivo un impacto no seu primeiro ano de aplicación de 41 millóns de euros, recursos que quedaron en mans dos fogares galegos co obxectivo de reactivar o consumo interno e manter íntegro o patrimonio das familias en caso de perda dun familiar. Hai que ter en conta que este impacto será maior no exercicio 2017, cando teña efecto na recadación da Comunidade Autónoma a rebaixa do IRPF para 2016, e ademais xa terá pleno efecto a rebaixa do imposto sobre sucesións.