Volver ao contido

Notas de prensa

A Xunta facilitou a transmisión interxeracional de empresas e negocios a 5.120 contribuíntes nos últimos cinco anos

A Xunta facilitou a transmisión interxeracional de empresas e negocios a 5.120 contribuíntes nos últimos cinco anos

 

  • A Administración galega facilitou a continuidade destes negocios familiares cunha redución fiscal que acadou os 57 millóns de euros dende 2010
  • O conselleiro de Facenda clausurou hoxe a xornada ‘Tiempos de cambio en la empresa familiar: programando los negocios y la sucesión', organizada por APD
  • Valeriano Martínez lembrou que dende 2014 xa está en vigor en Galicia un cambio normativo que facilita a sucesión das empresas familiares
  • Destacou a redución do 99% na base impoñible para a transmisión de empresas familiares co obxectivo de que a tributación non sexa un atranco
     

Santiago, 16 de setembro de 2015.- O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez destacou hoxe que nos últimos cinco anos a Xunta facilitou a transmisión interxeracional de empresas e negocios a 5.120 contribuíntes, a través dunha redución fiscal de máis de 57 millóns de euros neste período.

 

O titular de Facenda clausurou en Santiago de Compostela a xornada ‘Tiempos de cambio en la empresa familiar: programando los negocios y la sucesión', organizada pola Asociación para el Progreso de la Dirección (APD). Na súa intervención, subliñou a importancia que ten o colectivo das empresas familiares para o conxunto da economía e da sociedade galegas, e sinalou que dende o Goberno galego "tentamos ir mellorando cada vez máis o seu entorno legal e fiscal para facilitar a continuidade e o fortalecemento de todos eses proxectos".

 

Neste sentido, lembrou que dende 2014 está en vigor a norma autonómica que facilita o acceso ás bonificacións fiscais no caso de transmisión dunha empresa, de tal xeito que o donante e o donatario poden compaxinar os dous a dirección da mesma durante o máximo dun ano, favorecendo así a transición xeracional. "A principal vantaxe desta medida é mellorar a planificación da sucesión das empresas familiares", sinalou.

 

A esta medida hai que engadir a redución na base impoñible do 99% para a transmisión de empresas familiares, é dicir, non se tributa pola transmisión, por herdanza ou doazón de empresas ou participación nelas. O obxectivo é que a tributación non sexa un atranco para a transmisión interxeracional dos negocios e empresas familiares.

 

Valeriano Martínez tamén explicou que, nos últimos seis anos, a Administración autonómica concedeu aprazamentos no Imposto de Sucesións e Doazóns por importe de máis de 100 millóns de euros para aliviar o pago a familias e empresas.

 

Finalmente, o titular de Facenda resaltou que "sempre que sexa posible, a intención do Goberno galego é fixar deducións orientadas a fomentar o investimento na Comunidade Autónoma, coa finalidade de impulsar a iniciativa privada para a recuperación económica e o fomento do emprego".