Volver ao contido

Notas de prensa

A Xunta investirá en Lugo e Ourense case un 50% máis que nas provincias atlánticas para afondar no reequilibrio territorial

A Xunta investirá en Lugo e Ourense case un 50% máis que nas provincias atlánticas para afondar no reequilibrio territorial

  • A Administración galega investirá 725 euros por habitante en Lugo e 688 euros en Ourense, fronte ao 502 na Coruña e 460 de Pontevedra
  • Os beneficios fiscais aumentan un 13,3% e chegan ata os 364 millóns de euros, o que permitirá incrementar a renda dispoñible das familias galegas
  • O conselleiro de Facenda entregou hoxe no Parlamento os proxectos de Lei de Orzamentos para 2016 e de Medidas Fiscais e Administrativas
  • A Xunta disporá o vindeiro ano de 430 millóns de euros máis, polo incremento do gasto non financeiro e polo aforro nos xuros da débeda
  • A previsión macroeconómica do Goberno galego inclúe unha revisión á alza da taxa de PIB para 2016 e unha baixada de 1,8 puntos na taxa de paro
  • Os investimentos medran un 14% e o gasto social aumenta en case 300 millóns
  • A rebaixa fiscal será a máis importante da historia da Autonomía

 

Santiago, 20 de outubro de 2015.- A Xunta de Galicia investirá no exercicio 2016 nas provincias de Lugo e Ourense case un 50% máis que nas de A Coruña e Pontevedra, co obxectivo de seguir impulsando o reequilibrio territorial entre as provincias orientais e as atlánticas. Así o avanzou hoxe o conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, durante a presentación no Parlamento dos Orzamentos da Xunta para 2016.

 

En concreto, Valeriano Martínez detallou que o investimento por habitante nas provincias de Lugo e Ourense será de 725 e 688 euros, respectivamente. Pola contra, o investimento per cápita na provincia de A Coruña será de 502 euros, e de 460 euros na de Pontevedra.

 

O conselleiro avanzou que os Orzamentos da Xunta para 2016 incluirán beneficios fiscais para familias, fogares e empresas por un importe de 364 millóns de euros, o que supón un aumento do 13,3% respecto ao actual exercicio. Os beneficios fiscais son unha estimación do impacto sobre os tributos autonómicos das medidas de política económica e social da Xunta. Do total de beneficios fiscais en 2016, preto do 90% son beneficios de carácter social.

 

En canto ao gasto por consellerías, os departamentos con máis dotación son Sanidade (3.513 millóns) e Cultura, Educación e Ordenación Universitaria (2.249). Política Social contará con 620 millóns, e Medio Rural terá 505, mentres que o resto distribúese entre Economía, Emprego e Industria (403); Infraestruturas e Vivenda (340); Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza (253); a Presidencia da Xunta (169); Mar (129); Medio Ambiente e Ordenación do Territorio (109) e Facenda (53).

 

Logo da súa aprobación onte no Consello da Xunta, o conselleiro de Facenda entregou hoxe no Parlamento os proxectos de Lei de Orzamentos para 2016 e de Medidas Fiscais e Administrativas, no que se inclúen –entre outras– as baixadas fiscais aprobadas no IRPF, no Imposto sobre Sucesións e Doazóns e no rural. Deste xeito comeza a súa tramitación na Cámara, co obxectivo de que os distintos grupos parlamentarios realicen as súas achegas.

As de 2016 serán as primeiras contas expansivas da Administración galega dende 2008, de xeito que a Xunta disporá o vindeiro ano de 430 millóns de euros máis que no actual exercicio, o que permitirá elevar os investimentos produtivos e trasladar a recuperación económica a todos os fogares a través de novas medidas sociais e baixadas de impostos. O gasto non financeiro situarase en 8.804 millóns de euros, un 4,3% máis.

 

O conselleiro de Facenda lembrou que estes Orzamentos teñen como prioridade a aposta polo emprego e o aumento dos investimentos, ao tempo que reforzan o gasto social e reducen o déficit e a débeda. Ademais, isto coincidirá cunha aceleración da recuperación económica –o PIB galego medrará en 2016 un 2,5%, unha décima máis do estimado-, mentres que a taxa de desemprego seguirá baixando e reducirase case dous puntos.

 

100 millóns para industrialización e internacionalización

Os Orzamentos para 2016 elevan un 14% os investimentos, que chegan aos 1.417 millóns de euros, e destinan 100 millóns no apoio á industrialización e a internacionalización, mentres que as partidas para crecemento intelixente aumentan un 8,1%. O Goberno galego eleva un 15% as partidas para políticas activas de emprego, prestando especial atención a colectivos como os emprendedores ou os parados de longa duración.

 

En canto ao gasto social, a Xunta elévao en 282 millóns dos que preto de 200 irán destinados a sanidade e educación. Galicia destinará en 2016 324 millóns no capítulo de Dependencia, e eleva a 53 millóns a partida da RISGA. E porá en marcha medidas como a achega de 100 euros por neno nado a partir do 1 de xaneiro e o Servizo de axuda no fogar.

 

Rebaixa fiscal

No IRPF, aplicarase unha rebaixa de carácter progresivo que vai beneficiar ao 98,5% dos contribuíntes galegos, cun aforro de ata 380 euros ao ano. Esta rebaixa será maior nas rendas baixas e medias, e situará Galicia entre as comunidades coa menor tributación. En canto ao Imposto sobre Sucesións, a Xunta elevará a 400.000 euros o mínimo exento de tributación para que o 99% dos galegos non paguen este imposto cando herden como fillos, pais, avós, netos ou cónxuxes, e o 1% restante pagará menos.

 

Finalmente, no ámbito rural complétase un programa de impostos cero para favorecer a actividade neste eido. Así, ningunha transmisión de fincas en solo rústico pagará imposto de transmisións patrimoniais; deixará de tributar a transmisión ou ampliación de explotacións agrarias; e as agrupacións de fincas rústicas tampouco tributarán en AXD.

 

Plan Estratéxico 2015-2020

Os Orzamentos da Xunta para 2016 xa teñen en conta os eixes prioritarios do Plan Estratéxico 2015-2020. Así, o eixe 1 (empregabilidade e crecemento intelixente) e o eixe 2 (benestar e cohesión social) concentran máis de 7.000 millóns de euros, mentres que o eixe 3 (crecemento sustentable, territorio, mar, agricultura, gandería e montes) contará con 933 millóns, e o eixe 4 (sociedade dixital, lingua e cultura) terá 434 millóns. Ao eixe instrumental –administración moderna, eficiente e de calidade- asígnanse 179 millóns de euros.