Volver ao contido

Notas de prensa

A Xunta publicará 183 estatísticas en 2019, con novas análises sobre territorio, poboación, sociedade ou tecnoloxía

A Xunta publicará 183 estatísticas en 2019, con novas análises sobre territorio, poboación, sociedade ou tecnoloxía

  • O programa do vindeiro ano inclúe 144 actividades de difusión e información e 39 de divulgación e análise
  • Estas operacións permitirán afondar na calidade, a transparencia, o rigor e a obxectividade do sistema estatístico galego
  • Aumentará a oferta de información dos concellos para estimar a carga estacional de poboación e o emprego asociado ao seu PIB
  • Seguiranse a executar as grandes enquisas como a EPA ou a Enquisa Estrutural a Fogares

O Consello da Xunta aprobou hoxe o Programa Estatístico da Comunidade Autónoma para 2019, a través do cal a Xunta realizará o vindeiro ano 183 estatísticas e ampliará información con novas análises sobre territorio, poboación, sociedade, estrutura produtiva e tecnoloxía. Estas operacións permitirán afondar na calidade, transparencia, rigor e obxectividade do sistema estatístico galego.

Destas 183 estatísticas, 144 son actividades de difusión e información propias que incrementarán a oferta informativa sobre Galicia procedente das autoridades estatísticas central e europea. As outras 39 son actividades de difusión que engadirán valor á información dispoñible e ofrecerán aos usuarios produtos que faciliten a toma de decisións.

O IGE e os órganos estatísticos das consellerías enriquecerán no ano 2019 a súa oferta con novas actividades en diversos eidos, entre elas revisar as proxeccións de poboación, formular indicadores migratorios ou realizar enquisas sobre conciliación laboral e familiar, emprego e discapacidade.

O sistema de contas porá o foco na matriz de contabilidade social e os escenarios macroeconómicos formarán parte da oferta estatística. A enquisa de multilocalización empresarial, os novos datos sobre comercio polo miúdo e a análise da agroindustria enriquecerán tamén a información económica. Ademais, a oferta para os concellos aumentará coa estimación do emprego asociado ao Produto Interior Bruto (PIB) municipal.

O instituto seguirá a executar igualmente en 2019 as grandes enquisas dos programas anteriores, como a Enquisa de Poboación Activa (EPA) ou a Enquisa Estrutural a Fogares (EEF), que completará a súa difusión con información sobre coidado de menores.

Plan estatístico 2017-2021
O Plan Galego de Estatística 2017-2021 supón un marco legal que consolida e amplía os logros dos anteriores. Ademais, coloca a Galicia entre o reducido número de comunidades autónomas dotadas dun sistema estatístico acorde cos principios internacionais de boas prácticas.O plan asume expresamente o código de conduta adoptado polo comité do sistema estatístico europeo. Polo tanto, a organización estatística de Galicia queda sometida aos seus principios. A independencia profesional do persoal estatístico, a imparcialidade, a obxectividade e a transparencia son algúns deles.