Volver ao contido

Notas de prensa

A Xunta ratifícalle á Mesa pola Dinamización do Barrio da Residencia de Lugo que manterá todos os usos previstos e axilizará as obras

A Xunta ratifícalle á Mesa pola Dinamización do Barrio da Residencia de Lugo que manterá todos os usos previstos e axilizará as obras

  • Representantes da Consellería de Facenda reuníronse con membros desta mesa
  • Insistiron na importancia da implicación de todas as administracións para impulsar unha obra clave para a cidade de Lugo

Santiago de Compostela, 28 de setembro de 2018.- A Xunta de Galicia ratificóulle hoxe aos membros da Mesa pola Dinamización do Barrio da Residencia de Lugo que o Goberno galego manterá todos os usos previstos neste novo complexo, ao tempo que axilizará o inicio das obras nestas instalacións.

A secretaria xeral Técnica e do Patrimonio da Consellería de Facenda, María del Socorro Martín Hierro, mantivo hoxe un encontro con representantes desta mesa, aos que lles informou dos distintos trámites que está a realizar a Administración autonómica para iniciar as obras de transformación destas instalacións.

A representante da Consellería de Facenda explicoulle aos membros da mesa que a Xunta mantén sen cambios o compromiso de que o Novo Barrio da Residencia dispoña do primeiro Centro Integral de Saúde de Galicia, dunha nova residencia sociosanitaria, dunha nova oficina de formación e emprego, dun centro de emprendemento da industria aeronáutica e dunha planta de distribución de biomasa para abastecer a este complexo.

Tamén indicou que a Xunta deixou sen efecto a retrocesión dunha parte dos terreos de acordo coa Administración da Tesourería da Seguridade Social para realizala nun momento posterior, o que permitirá axilizar e simplificar os trámites necesarios.

Finalmente, María del Socorro Martín Hierro tamén trasladou aos representantes da mesa a importancia da implicación de todas as administracións co obxectivo común de impulsar unha obra clave para a cidade de Lugo. De feito, froito desta colaboración foi o convenio asinado hai unha semana entre a Xunta de Galicia e o Concello de Lugo para executar o primeiro Centro Integral de Saúde de Galicia.