Volver ao contido

Notas de prensa

A Xunta solicita ao Concello da Coruña licenza de obra para converter a antiga delegación de Sanidade no Espazo Amizar

A Xunta solicita ao Concello da Coruña licenza de obra para converter a antiga delegación de Sanidade no Espazo Amizar

  • O orzamento base de licitación ascende a 6,6 millóns de euros
  • O Goberno galego rehabilitará os dous inmobles que compoñen a antiga delegación, situados na rúa     Gregorio Hernández
  • A Xunta actuará sobre uns 5.500 metros cadrados de espazos públicos, incluíndo a urbanización exterior da parcela e a creación dunha praza
  • En abril xa foi adxudicada a redacción do proxecto de rehabilitación integral

Santiago de Compostela, 14 de novembro de 2018.- A Xunta de Galicia vén de solicitar ao Concello da Coruña a licenza de obra para a rehabilitación integral da antiga delegación da Consellería de Sanidade, situada na rúa Gregorio Hernández, que se converterá no novo Espazo Público Amizar.


Tal como consta no orzamento base de licitación, a Xunta de Galicia prevé realizar un investimento de 6,59 millóns de euros, que inclúe a rehabilitación integral dos dous inmobles –o edificio ‘prisma' e o edificio ‘óvalo'– que compoñen a antiga delegación. O primeiro inmoble conta con cinco alturas e planta rectangular, mentres que o segundo dispón de catro alturas e forma ovalada, e está situado no interior da parcela.


A Xunta xa adxudicara no mes de abril a redacción do proxecto de rehabilitación integral do complexo, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, que agora vén de remitir ao Concello de A Coruña o proxecto básico de rehabilitación para solicitar a licenza de obra.


O novo Espazo Público Amizar vai poñer a disposición da veciñanza uns 5.500 metros cadrados de espazos públicos para ofrecer mellores servizos e xerar novas oportunidades. Ademais, permitirá aproveitar os recursos cos que xa conta a Administración –o inmoble está actualmente en desuso- para crear un novo espazo público.


O Espazo Amizar contará cunha área para apoiar á cidadanía a través das dependencias de xuventude, menores ou inclusión; disporá tamén de dependencias dedicadas á formación e o emprego; dun espazo para traballar pola cidade nas dependencias administrativas; e dun amplo espazo para as asociacións socio-sanitarias desta cidade.


Creación dunha nova praza

Ademais da rehabilitación dos edificios, o proxecto contempla a urbanización exterior da parcela, coa disposición de dúas pequenas áreas de aparcamento, e a creación dunha praza que abre o equipamento á cidade, mediante unha solución permeable dos accesos.