Volver ao contido

Notas de prensa

Admitidas máis de 470 persoas para participar nas oposicións a 14 prazas de biólogos e químicos

Admitidas máis de 470 persoas para participar nas oposicións a 14 prazas de biólogos e químicos

  • O DOG publica hoxe as resolucións nas que se aproban e se fan públicas as listas provisionais de aspirantes admitidos e excluídos

Santiago, 22 de febreiro de 2017.- Un total de 471 persoas foron admitidas para participar nas oposicións para incorporar á Xunta de Galicia once biólogos e tres químicos, segundo as listas provisionais de persoas admitidas e excluídas en ambos procesos selectivos publicadas hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG).

O DOG recolle as resolucións da Dirección Xeral da Función Pública polas que se aproban e se fan públicas as listas provisionais de persoas admitidas e excluídas para o ingreso no corpo facultativo superior -subgrupo A1-, na escala de ciencias, para as especialidades de bioloxía e química.

As convocatorias destes procesos selectivos publicáronse no DOG o 4 de maio de 2016. Para a especialidade de bioloxía convocáronse once prazas, con 325 persoas admitidas e 32 excluídas. As outras tres prazas correspóndenlle á especialidade de química, onde se admitiron 146 aspirantes e foron excluídos 40.

As relación de persoas admitidas nestes procesos pódense consultar no portal web funcionpublica.xunta.gal, mentres que as relacións de persoas excluídas, con indicación da causa de exclusión, pódense consultar no DOG de hoxe e no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal.

Oferta de 3.000 prazas en 2017
Neste 2017, a Xunta de Galicia prevé ofertar no entorno de 3.000 prazas de emprego estable para reforzar servizos públicos como a sanidade, a educación e os servizos sociais. A Administración galega ten incrementado o número de prazas de emprego público nos últimos anos, de feito a oferta de emprego público no 2015 ascendeu a 1.163 prazas, e no 2016 duplicouse ata chegar a 2.644 prazas, a máis elevada dende 2009.