Volver ao contido

Notas de prensa

O Banco de España confirma que en 2018 Galicia seguiu a reducir o seu endebedamento

O Banco de España confirma que en 2018 Galicia seguiu a reducir o seu endebedamento

  • É o segundo ano consecutivo no que baixa a ratio de débeda/PIB de Galicia
  • Este indicador descendeu ata o 18,0% no peche do exercicio, fronte ao 24,3% de media autonómica
  • Estes datos ratifican que Galicia volveu cumprir o límite de débeda fixado polo Ministerio de Facenda, que era do 18,4%
  • Galicia mantense como a 3ª comunidade de réxime común con menor ratio
  • Galicia ten 3.970 millóns de euros menos de débeda que a media autonómica

Santiago de Compostela, 29 de marzo de 2019.- O Banco de España vén de confirmar que en 2018 Galicia logrou baixar o seu endebedamento público por segundo ano consecutivo, ao situar a ratio de débeda/PIB no 18,0% ao peche do cuarto trimestre do ano, 6,3 puntos por debaixo da media autonómica.

Deste xeito, Galicia remata o exercicio 2018 como a terceira comunidade autónoma con menor ratio de débeda de toda España –a quinta incluíndo as de réxime foral-, só por detrás de Madrid e Canarias.

Ao finalizar o cuarto trimestre do ano, a ratio de débeda/PIB de Galicia situouse catro décimas por debaixo da rexistrada no mesmo período do ano anterior (18,4%) e tres décimas por debaixo da rexistrada no terceiro trimestre. Ademais, o diferencial positivo de Galicia respecto á media autonómica (24,3%) mantense en 6,3 puntos, cando en 2008 estaba igualado á media.

Os datos do Banco de España ratifican tamén que Galicia volveu cumprir o obxectivo máximo autorizado para 2018, que era do 18,4%, cumprindo de novo o límite de débeda fixado polo Consello de Política Fiscal e Financeira. Ademais, as cifras do organismo supervisor mostran que a débeda estabilizouse en 2014 e, desde 2016, iniciouse unha senda de redución progresiva do endebedamento que continuará nos vindeiros anos.

En volume absoluto, a débeda das comunidades autónomas situouse ao peche do exercicio en 293.128 millóns, o 3,9% deste importe -11.342 millóns- na comunidade galega. De ter rexistrado o mesmo comportamento que a media autonómica, Galicia tería rematado o ano 2018 con 3.970 millóns de euros máis de débeda pública.

 

RATIO DE DÉBEDA/PIB POR COMUNIDADES AUTÓNOMAS
*CCAA de réxime foral

 

 

4ºT
2018

País Vasco*

13,5

Madrid

14,6

Canarias

14,8

Navarra*

16,7

GALICIA

18,0

Asturias

18,5

A Rioxa

18,8

Castela e León

20,9

Andalucía

22,0

Aragón

22,0

Cantabria

23,3

Estremadura

24,0

TOTAL CCAA

24,3

Baleares

28,0

Murcia

29,3

Cataluña

34,0

Castela-A Mancha

35,4

Valencia

41,7