Volver ao contido

Notas de prensa

O luns 29 acaba o prazo para acceder ao réxime extraordinario da carreira profesional, que xa pediron 10.653 empregados públicos

O luns 29 acaba o prazo para acceder ao réxime extraordinario da carreira profesional, que xa pediron 10.653 empregados públicos

  • O 86% dos laborais fixos da Xunta solicitaron transformarse en funcionarios de carreira para acceder ao novo sistema de recoñecemento profesional

Santiago de Compostela, 21 de xullo de 2019.- A Consellería de Facenda pechará o vindeiro luns, 29 de xullo, o prazo para solicitar o acceso ao réxime extraordinario da carreira profesional no eido da Administración Xeral. Ata agora, un total de 10.653 empregados públicos xa pediron o acceso a este novo sistema de recoñecemento profesional, que se implanta na Administación Xeral da Xunta por primeira vez na historia da Autonomía.

En concreto, 7.797 funcionarios de carreira –o 95% do total dos que o podían solicitar– xa pediron o acceso á carreira profesional. A esta cifra súmanse outros 2.856 profesionais laborais fixos que solicitaron transformarse en funcionarios de carreira para acceder tamén a este novo sistema de recoñecemento profesional, o que supón o 86% do total.

Estas cifras demostran que a inmensa maioría dos traballadores da Xunta solicitaron o acceso á carreira profesional. Sumando o persoal de ambos colectivos, un total de 10.653 empregados públicos pediron acceder a este sistema, o que supón o 92% do total de traballadores que podían solicitar o acceso á carreira profesional no eido da Administración Xeral a través do réxime extraordinario.

A carreira profesional é un sistema voluntario e consolidable que recoñecerá o desempeño do empregado público e a súa formación continua, e que foi incluído no Acordo de Concertación Social asinado en xaneiro entre a Xunta e os sindicatos CC.OO. e UGT. Esta carreira profesional dá resposta a unha reivindicación histórica das organizacións sindicais e o seu obxectivo é favorecer a motivación dos empregados públicos e a súa mellor formación.

O sistema de carreira profesional conta con dous réximes de aplicación: un réxime ordinario cun grao inicial e catro graos, ao que se poderán acoller os novos funcionarios e os que teñan menos de cinco anos de antigüidade, e un réxime extraordinario, habilitado de xeito excepcional para os traballadores con máis de cinco anos de antigüidade. Este réxime extraordinario contará con catro graos e comporta o acceso ao grao 1. Ten como finalidade recoñecer o desempeño xa realizado polos funcionarios ao longo da súa traxectoria.

Os beneficiarios percibirán de xeito progresivo unha contía anual por cada grao que vai dos 761 euros na categoría de menor nivel ata os 2.460 na categoría A1. Para poder progresar na carreira terase en conta, entre outros criterios, a actividade profesional, a formación e innovación, a implicación e o compromiso coa organización ou a participación en iniciativas e programas especiais ou en liñas de traballo específicas ou transversais.