Volver ao contido

Notas de prensa

Facenda anuncia que o primeiro que fará a Xunta cando se constitúa o novo Goberno será pedir o pago íntegro dos 700 millóns que lle adebeda a Galicia

Facenda anuncia que o primeiro que fará a Xunta cando se constitúa o novo Goberno será pedir o pago íntegro dos 700 millóns que lle adebeda a Galicia

  • O conselleiro de Facenda asegurou que atender esta débeda é o primeiro e máis inmediato asunto da axenda galega que o Goberno central ten que cumprir
  • De feito, Valeriano Martínez lamentou que o Goberno, a día de hoxe, tan só transferise 60 dos 700 millóns que debe a Galicia
  • Galicia volve ser das primeiras comunidades en tramitar as súas contas e terá unha capacidade de gasto de 10.149 millóns de euros
  • Trátase do 5º orzamento expansivo de xeito consecutivo, con máis recursos pero prudente para que Galicia sexa un antídoto ao bloqueo estatal
  • Valeriano Martínez anunciou que a Xunta aprobará no 1º semestre do ano o novo Plan Estratéxico de Galicia 2021-2030
  • Son uns orzamentos co maior gasto social da historia, con menos impostos e máis investimentos

Santiago de Compostela, 18 de novembro de 2019.- O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, anunciou hoxe no Parlamento que o primeiro que fará a Xunta de Galicia cando se constitúa o novo Goberno de España será pedir o pago íntegro dos 700 millóns de euros que lle adebeda a Galicia. E asegurou que "atender esta débeda é o primeiro e máis inmediato asunto da axenda galega que o Goberno ten que cumprir".

Na súa intervención durante o debate de totalidade do proxecto de Lei de Orzamentos da Comunidade autónoma para o 2020, o titular de Facenda lembrou que o Parlamento galego xa se ten pronunciado en tres ocasións, cun alto grao de consenso, demandando o pago total destes recursos e lamentou que a día de hoxe, o Goberno central "tan só transferise 60 dos 700 millóns que lle debe a Galicia".

40 anos de autogoberno
Durante o debate, o conselleiro lembrou  que Galicia volve ser das primeiras comunidades en tramitar as súas contas e subliñou que "Galicia é un caso único en España en poder encadear 40 orzamentos seguidos". Todo isto grazas á estabilidade outorgada á Xunta polos galegos que "fai que esteamos blindados ante a inestabilidade do Estado e a nosa obriga é transformar esta inestabilidade en seguridade, certeza e confianza".

Valeriano Martínez explicou que se trata do 5º orzamento expansivo consecutivo e o máis elevado nunha década, con máis recursos pero prudente porque "queremos que Galicia sexa un antídoto ao bloqueo estatal". Segundo expuxo, "estes orzamentos queren mellorar a vida dos galegos do ano 2020" pero tamén comezar a planificar a vindeira década con catro grandes prioridades: a Galicia moza, a Galicia familiar, a Galicia innovadora e a Galicia verde. Estas prioridades incluiranse no novo Plan Estratéxico de Galicia 2021-2030 que se aprobará no 1º semestre de 2020.

A Comunidade Autónoma disporá o vindeiro ano dunha capacidade de gasto de 10.149 millóns de euros, un 3% máis que neste exercicio, co que Galicia contará con 300 millóns máis que este ano e 1.400 máis que en 2016. Ademais, seguen apostado polo reequilibrio territorial cun maior gasto per cápita nas provincias orientais respecto das atlánticas, de aí que o maior investimento por habitante volva producirse en Lugo (4.252 euros per cápita) e Ourense (4.096), fronte aos 3.281 euros de A Coruña e os 3.200 de Pontevedra.

Menos impostos e máis beneficios fiscais
O conselleiro subliñou que o modelo da Xunta baséase en fortalecer o crecemento económico con menos déficit, menos débeda e, tamén, con menos impostos.

En canto ao imposto de Sucesións e Doazóns, desde 2016 non se pagan impostos polos primeiros 400.000 € en familiares directos, sen contar a vivenda habitual, unha medida que xa beneficia aos 99% das liquidacións. E o número de beneficiarios xa supera os 355.000 en menos de 4 anos. Ademais, hai que ter en conta que practicamente un de cada tres -un total de 107.776- son beneficiarios por pactos sucesorios en vida. Agora, elévase a 1 millón de euros por herdeiro a cantidade exenta de pagar neste imposto. Con esta medida, o 99,94% dos galegos non pagarán Imposto de Sucesións entre familiares directos a partir do 1 de xaneiro de 2020, o que supón a súa práctica supresión.

Por outra banda, unha das prioridades do Goberno galego é que esta sexa a lexislatura do rural e, nese obxectivo, ten moito que ver a política de Impostos 0 no rural xa consolidada, así como as rebaixas de impostos en zonas pouco poboadas. Nestes orzamentos refórzase esta estratexia para fixar poboación e para que sexa máis doado vivir no rural e do rural. Entre as novidades, inclúese a rebaixa do imposto pola compra dunha vivenda usada no 94% do territorio galego. Para iso, redúcese o Imposto sobre Transmisións Patrimoniais (ITP) do 7% ao 5% no caso de compra de vivenda habitual, e do 10 ao 6% para o resto de compras de vivenda, co obxectivo de fixar poboación no rural e dinamizar estas 3.500 parroquias. Tamén se aproban máis facilidades para a sucesión das empresas familiares e ponse en marcha unha novidosa ‘dedución verde' no IRPF.

Ademais, a estas importantes rebaixas fiscais hai que engadir o cada vez máis importante volume de beneficios fiscais no orzamento. En 2020 chegan ata os 448 millóns de euros, o que supón 84 millóns de incremento durante esta lexislatura, un 23% máis. O 95% destes beneficios fiscais son de carácter social.
Reforzo do gasto social e dos investimentos
Os Orzamentos para 2020 reforzan un ano máis o gasto social, que medra en 275 millóns respecto a este ano e acada os 7.400 millóns de euros, a cifra máis alta da historia. Estes novos recursos permitirán incrementar o gasto directo en sanidade, no ensino e nas políticas sociais, e poñer en marcha medidas pioneiras no ámbito familiar como a gratuidade das escolas infantís a partir do segundo fillo ou a ampliación da Tarxeta Benvida. Tamén medra o capítulo de investimentos, que acada os 1.691 millóns de euros.

Xacobeo, empregados públicos e débeda
Nas contas do vindeiro ano tamén destaca a dotación para o Xacobeo, para o que se destina un paquete de medidas nas distintas consellerías por 82 millóns de euros para afrontar con éxito a preparación do vindeiro Ano Santo e conseguir que o Xacobeo 2021 sexa o mellor da historia.

Ademais, recóllese a anualidade correspondente aos acordos sectoriais para mellorar as retribucións do persoal da sanidade pública, do ensino público, da xustiza, do Consorcio de Servizos de Igualdade e Benestar, bombeiros forestais e axentes medioambientais.

En canto ao endebedamento, Valeriano Martínez destacou que neste momento Galicia é a comunidade que menos aumentou a débeda desde 2008; leva 2 anos en práctica consolidación fiscal e tivo 1º superávit en 16 anos; encabeza o esforzo investidor en España, destinando o dobre de recursos por habitante que a media de CCAA, e lidera o pago aos provedores. Para o ano 2020, Galicia quere seguir por este camiño e, de feito, a ratio de débeda/PIB en Galicia de 2018, comunicada oficialmente polo Banco de España, é do 18,1%, 5 décimas menos que en 2017. Esta evolución descendente seguirá nos vindeiros exercicios, á vez que se remata a consolidación fiscal