Volver ao contido

Notas de prensa

Facenda dita instrucións para aplicar na nómina de xullo unha subida salarial do 1% con efectos retroactivos a xaneiro

Facenda dita instrucións para aplicar na nómina de xullo unha subida salarial do 1% con efectos retroactivos a xaneiro

  • A orde, publicada hoxe no DOG, adapta as condicións retributivas do persoal que traballa no sector público autonómico ao establecido na normativa básica estatal
  • A subida, vixente desde o 1 de xaneiro, farase efectiva na nómina deste mes
  • Preto de 100.000 traballadores beneficiaranse desta mellora económica, que abrangue tamén ao persoal das universidades e do ensino concertado.

 

Santiago de Compostela, 10 de xullo de 2017.- O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde pola que se ditan instrucións sobre a confección de nóminas do persoal ao servizo da Administración autonómica para o ano 2017, co que se actualizan con efectos do 1 de xaneiro as contías das retribucións, que experimentan un incremento do 1%.

 

Dita orde, que asina o conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, lembra a obriga de adaptar as condicións retributivas do persoal ao servizo do sector público autonómico ao establecido na normativa básica estatal. Esta obriga deriva da previsión establecida na Lei de Orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2017, que dispón que os incrementos das retribucións do persoal do sector público que estableza a Administración xeral do Estado aplicaranse na súa porcentaxe máxima.

 

Posto que a Lei de Orzamentos xerais do Estado para 2017 establece que as retribucións do persoal ao servizo do sector público non poderán experimentar un incremento global superior ao 1% respecto ás vixentes a 31 de decembro de 2016, a Xunta dita instrucións para facer efectiva unha suba en idéntica porcentaxe.

 

O incremento retributivo farase efectivo -de acordo coa instrución que hoxe se publica no DOG- nas nóminas que se aboen aos empregados públicos a partires deste mes de xullo. Dado que esta suba salarial ten carácter retroactivo desde o 1 de xaneiro de 2017, tamén se aboarán os atrasos devindicados desde esta mesma data. A mellora queda consolidada nos salarios dos traballadores.

 

Estímase que preto de 100.000 traballadores galegos se beneficiarán desta mellora económica, que abrangue tamén ao persoal das universidades e do ensino concertado.

 

Será a Lei de impulso ao crecemento económico e reforzo do gasto social -que se debate mañá mesmo no Parlamento galego e que modifica a Lei de Orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2017- a que dote dos importes precisos en determinadas partidas orzamentarias para asumir o custo derivado de dito incremento retributivo.