Volver ao contido

Notas de prensa

Facenda e FEGAMP asinan o protocolo para garantir que todos os galegos dispoñan de servizos financeiros no seu concello

Facenda e FEGAMP asinan o protocolo para garantir que todos os galegos dispoñan de servizos financeiros no seu concello

  • Os veciños dos 40 concellos beneficiados dispoñerán dun caixeiro no seu municipio, e poderán acceder a servizos de asistencia financeira e de formación en banca electrónica

Santiago de Compostela, 30 de outubro 2019.- O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, e o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), Alfredo García, asinaron hoxe o protocolo de colaboración para garantir que toda a poboación galega teña acceso a servizos financeiros no seu concello, de modo que dispoñan dun caixeiro automático no seu municipio e poidan acceder tamén a servizos de asistencia financeira e de formación en banca electrónica.

O obxectivo da Xunta de Galicia é acadar a colaboración das administracións locais para actuar nos 40 concellos que carecen dunha entidade financeira no seu territorio, o que beneficiará a uns 52.000 galegos que residen nestes municipios. Aqueles concellos interesados que así o decidan, subscribirán de xeito voluntario un convenio de colaboración coa Administración galega, toda vez que o compromiso do Goberno galego é asumir de xeito maioritario o custo deste servizo pioneiro.

A previsión da Xunta é licitar un contrato que inclúa, en primeiro lugar, a instalación dun caixeiro automático en cada un dos municipios que non dispoñen de entidade financeira. Con esta medida, os habitantes de cada un dos concellos poderán efectuar xestións ordinarias como a retirada e ingreso de cartos en metálico, a actualización das libretas bancarias ou o pagamento de recibos sen desprazarse a outros municipios.

Ademais, o contrato –que se sacará a concurso público- incluirá dous servizos que serán prestados por persoal da entidade á que se lle adxudique o contrato: un servizo de asistencia financeira ao cidadán, para solucionar de xeito presencial as dúbidas dos clientes; e outro de formación en banca electrónica, para que os cidadáns adquiran nocións básicas para utilizar servizos bancarios que están dispoñibles a través das novas tecnoloxías.

Concellos beneficiados
Neste momento, un total de 40 concellos galegos –o 13% do total– carecen dunha entidade de crédito. A provincia máis afectada é a de Ourense, onde non teñen servizos financeiros 25 municipios (Xunqueira de Ambía, Xunqueira de Espadanedo, Lobeira, Piñor, Punxín, Baltar, Os Blancos, Porqueira, Rairiz de Veiga, Trasmiras, Taboadela, Arnoia, Beade, Carballeda de Avia, Cenlle, Melón, A Bola, Pontedeva, Verea, Chandrexa de Queixa, Larouco, Petín, Castrelo do Val, Monterrei e Oímbra). O resto de concellos distribúense entre a provincia da Coruña, con dez municipios (Aranga, Coirós, Paderne, Vilarmaior, Vilasantar, Cabanas, Lousame, Dodro, Santiso e Toques); catro na provincia de Lugo (Negueira de Muñiz, Ribeira de Piquín, Ribas de Sil e O Páramo); e un municipio na de Pontevedra (Dozón).