Galicia continúa entre as comunidades que pagan máis rápido aos seus provedores, 11 días antes que a media
- O período medio de pago en Galicia situouse en novembro nos 8,19 días
- Galicia é a sétima comunidade que mellor paga as súas facturas
- A Xunta logrou reducir a débeda comercial un 47% no último ano
Santiago de Compostela, 22 de xaneiro de 2018.- Galicia pechou o mes de novembro entre as comunidades autónomas que pagan máis rápido aos seus provedores, ao acabar o mes cun tempo medio de pago 11 días mellor que a media autonómica, segundo mostran os datos oficiais publicados hoxe polo Ministerio de Facenda e Función Pública.
O período medio de pago de Galicia situouse en novembro en 8,19 días, mentres que a media autonómica foi de 19,73 días, é dicir, 11,54 días máis tarde que en Galicia. O informe elaborado polo ministerio mostra tamén que tres comunidades autónomas incumpriron en outubro o tempo máximo de pago de 30 días que establece a lexislación estatal.
Ademais, Galicia tamén ten mellorado de xeito notable no último ano o tempo de pagamento aos seus provedores. O período de pago en novembro de 2016 era de 23,98 días, o que supón que nun ano se teña reducido á terceira parte.
Deste xeito, Galicia consolídase un mes máis como unha das comunidades que mellor atende aos seus provedores, axilizando os pagos e evitando problemas de liquidez ás empresas que prestan servizo á Administración galega. En concreto, Galicia é a sétima comunidade –a quinta, excluídas as forais- que paga máis rápido aos seus provedores.
En canto á débeda comercial, a ratio de débeda/PIB de Galicia en novembro situouse no 0,40%, por debaixo da media autonómica (0,49%). Ao mesmo tempo, Galicia conseguiu reducir este indicador un 47% no último ano, ata rebaixalo aos 246 millóns de euros.
Período Medio de Pago – Novembro 2017 (*CCAA réxime foral) | ||||
País Vasco* | (6,51) |
| Estremadura | 15,16 |
Navarra* | (2,41) | Madrid | 15,38 | |
Andalucía | 1,05 | MEDIA CC.AA | 19,73 | |
Canarias | 5,29 | Cataluña | 22,02 | |
Asturias | 6,21 | A Rioxa | 24,55 | |
Castela e León | 7,95 | Murcia | 29,93 | |
Galicia | 8,19 | Baleares | 31,42 | |
Castela-A Mancha | 10,21 | Cantabria | 40,68 | |
Aragón | 11,56 | Valencia | 53,80 |