Volver ao contido

Notas de prensa

Galicia cumpriu en 2019 os obxectivos de déficit e débeda fixados no Orzamento e pagou aos provedores na metade de tempo que a media autonómica

Galicia cumpriu en 2019 os obxectivos de déficit e débeda fixados no Orzamento e pagou aos provedores na metade de tempo que a media autonómica

  • As primeiras estimacións indican que Galicia pechou o exercicio 2019 cun déficit do 0,09%, por debaixo do límite do 0,1% fixado para todas as comunidades
  • Nesta estimación están incluídos os 200 millóns da mensualidade do IVE de 2017, que formaban parte do Orzamento aprobado polo Parlamento galego e que a Xunta computará como ingreso en canto o Goberno os transfira a Galicia
  • Galicia rebaixou o seu endebedamento por terceiro ano consecutivo e deixouno no 17,5%, por debaixo do límite do 17,9% e entre os máis baixos de España
  • En canto ao tempo de pagamento a provedores, Galicia mantívose o pasado ano entre as mellores comunidades autónomas de España nos tempos de pagamento
  • Galicia continúa entre as comunidades líderes en esforzo investidor

Galicia cumpriu en 2019 os límites de déficit e de débeda fixados no orzamento da Comunidade Autónoma, ao tempo que pagou aos seus provedores na metade de tempo que a media autonómica, segundo reflicte un informe da Consellería de Facenda analizado hoxe polo Consello da Xunta, no cal se inclúe o primeiro avance de cumprimento dos principais obxectivos de estabilidade en 2019.

En primeiro lugar, no informe consta que a Comunidade Autónoma de Galicia cumpriu en 2019 o obxectivo de déficit público, que era do 0,1% para todas as comunidades. En concreto, as primeiras estimacións indican que Galicia pechou o exercicio cun déficit do 0,09%, polo que un ano máis cumpriu o límite fixado polo Consello de Política Fiscal.

Nesta estimación está incluído o ingreso dos preto de 200 millóns de euros correspondentes á última mensualidade do IVE de 2017, unha partida que formaba parte dos orzamentos da Comunidade Autónoma para 2019 aprobados polo Parlamento galego. A Xunta computará como ingreso estes recursos en canto o Goberno central os transfira a Galicia.

Volve baixar o endebedamento
En canto ao límite de débeda, Galicia logrou en 2019 reducir o seu endebedamento por terceiro ano consecutivo. A primeira estimación da Xunta é pechar o exercicio cunha ratio de débeda/PIB na contorna do 17,5%, seis décimas menos que o ano anterior (18,1%) e por debaixo do límite máximo do 17,9% autorizado a Galicia polo Consello de Política Fiscal e Financeira, dado que os límites de débeda teñen carácter individual.

Ademais, coas primeiras estimacións, 2019 será o primeiro ano no que non só baixe a ratio débeda/PIB, senón tamén o endebedamento absoluto. Deste xeito, Galicia consolídase como a Comunidade Autónoma que menos incrementou o seu volume de débeda pública nos últimos dez anos, e grazas á mellor evolución deste indicador respecto da media autonómica, Galicia evitou a emisión duns 4.000 millóns de euros de débeda pública.

Líderes en pagamento a provedores
O informe da Consellería de Facenda reflicte que Galicia se mantivo en 2019 entre as comunidades autónomas líderes no pagamento a provedores. En concreto, o tempo medio de pagamento de Galicia no ano 2019 situouse na contorna dos 19 días, o que supón a metade que a media das comunidades autónomas, que superou os 37 días, e por debaixo do límite de 30 días que establece a lexislación estatal.

Non obstante, o informe reflicte que tanto Galicia como o resto de comunidades autónoma empeoraron o seu período medio de pagamento respecto ao ano 2018, a consecuencia dos atrasos nos pagos do financiamento autonómico que se rexistraron ao longo de 2019 por parte do Goberno central.

Finalmente, Galicia rematará o ano 2019 encabezando de novo o esforzo investidor, xa que, cos últimos datos dispoñibles, Galicia se mantén entre as comunidades autónomas con maior esforzo investidor, dedicando o dobre de porcentaxe que a media a investimentos. Así, en Galicia o peso do gasto de capital sobre o total do gasto non financeiro foi do 11,4%, fronte ao 5,8% de media autonómica.