Volver ao contido

Notas de prensa

Galicia é a primeira comunidade autónoma que accederá ao Rexistro de Titularidades Reais, unha ferramenta que axudará á loita contra o branqueo de capitais

Galicia é a primeira comunidade autónoma que accederá ao Rexistro de Titularidades Reais, unha ferramenta que axudará á loita contra o branqueo de capitais

  • O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, asinou un convenio coa decana do Colexio de Rexistradores da Propiedade e Mercantís de España, María Emilia Adán
  • Este novo rexistro contén información completa e actualizada sobre as persoas físicas que ostentan o control dunha sociedade
  • O convenio non supón custos adicionais para a Xunta de Galicia

Santiago de Compostela, 5 de xuño de 2019.- O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, e a decana do Colexio de Rexistradores da Propiedade e Mercantís de España, María Emilia Adán, asinaron hoxe en Santiago un convenio de colaboración que permitirá mellorar a loita contra o branqueo de capitais, de xeito que Galicia é a primeira comunidade autónoma que accede ao Rexistro de Titularidades Reais (RETIR).

Esta nova ferramenta permitirá á Axencia Tributaria de Galicia (ATRIGA) reforzar a loita contra o branqueo de capitais, posto que o RETIR achegará información completa e actualizada sobre as persoas físicas que ostentan o control dunha sociedade, xa sexa de xeito directo ou indirecto.

A información que conforma o RETIR provén do Rexistro Mercantil, xa que, desde finais do ano 2018, as sociedades mercantís teñen obriga de incluír a identificación real na presentación das súas contas. Isto é consecuencia do cumprimento das directivas comunitarias relativas á prevención da utilización do sistema financeiro para o branqueo de capitais ou para o financiamento do terrorismo.

De feito, a normativa comunitaria obriga a todos os estados membros da Unión Europea a crear, xestionar e desenvolver un sistema rexistral tradicional de identificación de ‘titulares últimos ou reais', que debe asegurar a cooperación internacional (a través da plataforma europea de acceso estandarizado) e cuxa xestión se concede a autoridades que nos distintos países teñen encomendada a función do Rexistro Mercantil.

Hai que ter en conta que a Axencia Tributaria de Galicia xestiona impostos de carácter patrimonial, e que teñen como suxeito pasivo á persoa física. Polo tanto, o acceso ao Rexistro de Titularidades Reais (RETIR) permitirá mellorar a xestión deste impostos, toda vez que servirá para coñecer todos aqueles bens sobre os que a persoa física ostenta a titularidade, sexa directa ou indirecta.

Galicia é a primeira comunidade autónoma de réxime común que asina este convenio co Colexio de Rexistradores da Propiedade e Mercantís, un acordo que terá unha duración de catro anos e que non supón custos adicionais para a Xunta.