Galicia logrou baixar en 2017 o seu endebedamento por primeira vez nos últimos dez anos
- A ratio de débeda/PIB reduciuse dúas décimas, ata o 18,4%, polo que Galicia cumpre un ano máis o límite máximo de débeda, que era do 19,0%
- Galicia pecha o ano como a quinta comunidade con menos débeda de España e xa ten un diferencial positivo de máis de seis puntos sobre a media autonómica
- A xestión rigorosa da Xunta evitou que Galicia emitise 3.900 millóns de débeda
- Todos estes factores fan que Standard&Poors eleve a ‘notable' o rating da débeda
Santiago de Compostela, 28 de marzo de 2018.- Galicia logrou en 2017 baixar o seu endebedamento público por primeira vez nos últimos dez anos, ao reducir a ratio de débeda/PIB ata o 18,4%, dúas décimas menos que no peche do exercicio anterior, segundo mostran os datos oficiais do Banco de España publicados esta mañá. Isto supón que Galicia volve cumprir un ano máis o límite máximo de débeda, que en 2017 era do 19,0%.
Estes datos ratifican que Galicia continúa entre as comunidades autónomas de referencia no control do seu endebedamento, froito da xestión rigorosa e do control da estabilidade orzamentaria que vén realizando a Xunta. De feito, Galicia acabou o ano como a quinta comunidade con menor ratio de débeda/PIB, a terceira de réxime común, segundo explicou o director xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos, David Cabañó.
Ao peche do exercicio, a ratio de débeda/PIB de Galicia baixou dúas décimas sobre o ano anterior ata situarse no 18,4%, o que supón un diferencial positivo de 6,4 puntos respecto á media autonómica (24,8%), cando en 2008 este indicador estaba igualado á media. Ademais, o endebedamento do conxunto das comunidades autónomas mantívose estable no último ano mentres que o de Galicia baixou, por iso o diferencial positivo aumenta.
En volume absoluto, a débeda das comunidades autónomas situouse ao peche do cuarto trimestre en 288.105 millóns, o 3,89% deste importe -11.210 millóns- na comunidade galega. A xestión rigorosa da Xunta ten evitado que Galicia emitise 3.900 millóns de euros, xa que foi a comunidade que menos aumentou o seu volume de débeda desde 2008.
O control da débeda pública é unha das bases do modelo de crecemento san que defende a Xunta, e é froito da progresiva redución do déficit que vén acadando o Goberno galego nos últimos anos. Este mellor comportamento respecto da media permitiu a Galicia acadar un importante aforro en xuros da débeda, que neste 2018 será duns 85 millóns de euros.
Standard&Poors mellora o rating de Galicia
A evolución positiva dos principais indicadores macroeconómicos de Galicia foi tida en conta pola axencia de cualificación Standard&Poors, que vén de elevar o rating da Comunidade Autónoma ata o ‘notable'.
Na súa nova calificación, Standard&Poors ten en conta que Galicia pechou 2017 cun crecemento económico por riba do 3%, ao tempo que foi capaz de reducir o seu déficit público e de consolidarse entre as comunidades autónomas con menos débeda de España.
RATIO DE DÉBEDA/PIB POR COMUNIDADES AUTÓNOMAS
*CCAA de réxime foral
| Peche | Peche |
---|---|---|
País Vasco* | 14,5 | 14,1 |
Madrid | 14,4 | 14,9 |
Canarias | 16,3 | 15,9 |
Navarra* | 18,1 | 18,3 |
GALICIA | 18,6 | 18,4 |
Asturias | 18,9 | 18,7 |
A Rioxa | 18,8 | 19,3 |
Castela e León | 20,4 | 20,8 |
Andalucía | 22,3 | 22,1 |
Aragón | 21,8 | 22,1 |
Cantabria | 23,0 | 23,2 |
Estremadura | 22,7 | 23,8 |
TOTAL CCAA | 24,8 | 24,8 |
Murcia | 28,5 | 29,0 |
Baleares | 29,9 | 29,4 |
Cataluña | 35,1 | 34,8 |
Castela-A Mancha | 36,5 | 36,0 |
Valencia | 42,7 | 42,5 |