Volver ao contido

Notas de prensa

Galicia rebaixou en xaneiro un 20,7% o tempo medio de pago a provedores ata situalo en 20,6 días

Galicia rebaixou en xaneiro un 20,7% o tempo medio de pago a provedores ata situalo en 20,6 días

  • O período medio de pago da Administración galega sitúase 5 días por debaixo do conxunto de comunidades

Santiago, 22 de marzo de 2017.- Galicia comezou o ano atendendo con axilidade aos seus provedores e cun período medio de pago mellor que a media, segundo ratifican os datos publicados hoxe polo Ministerio de Hacienda y Función Pública sobre o mes de xaneiro. Así, Galicia reduciu un 20,7% o tempo medio de pago ata situalo en 20,6 días, o que supón 5 días menos que a media autonómica, que foi de 25,4 días.

Ademais, en comparación co mes anterior, o período medio de pago en Galicia é 6 días máis baixo, xa que en decembro de 2016 o tempo medio de pago era de 26 días. O informe elaborado polo Ministerio mostra tamén que seis comunidades incumpriron en xaneiro o tempo máximo de pago de 30 días que establece a lexislación.

Galicia mantense un mes máis como unha das comunidades que mellor atende aos seus provedores, axilizando os pagos e evitando problemas de liquidez ás empresas que prestan servizo á Administración galega.

En canto á débeda comercial, a ratio de débeda/PIB de Galicia en xaneiro foi do 0,50%. Galicia conseguiu reducir este indicador un 31,6% no último ano e un 23,5% respecto ao mes de decembro ao baixar ata os 300 millóns de euros, segundo indican os datos do Ministerio de Hacienda.