Volver ao contido

Notas de prensa

Galicia recupera o liderado e volve ser a comunidade que paga antes as súas facturas, segundo os datos oficiais de abril

Galicia recupera o liderado e volve ser a comunidade que paga antes as súas facturas, segundo os datos oficiais de abril

  • O período medio de pago de Galicia en abril foi de 14,2 días, o máis baixo de España, fronte aos 34,9 días da media autonómica
  • O último informe do Ministerio de Facenda sitúa tamén a Galicia como a comunidade autónoma con menor débeda comercial de España
  • Galicia xa foi a comunidade líder no ano 2018 e pechara o primeiro trimestre desde 2019 en segunda posición

Santiago de Compostela, 24 de xuño de 2019.- Galicia vén de recuperar o liderado no eido do pagamento a provedores, xa que é a comunidade autónoma que pagou con máis axilidade as súas facturas no mes de abril, segundo reflicte o último informe sobre ‘Prazos de pago a provedores e débeda comercial das Comunidades Autónomas', publicado hoxe polo Ministerio de Facenda.

En concreto, o período medio de pago en Galicia reduciuse a 14,2 días, o máis baixo de toda España, mentres que a media autonómica aumentou ata os 34,9 días. Os datos oficiais da Administración do Estado mostran tamén que este indicador en Galicia mantívose 15,8 días por debaixo do límite que establece a normativa estatal, que é de 30 días.

En canto á débeda comercial, os datos do informe elaborado pola Secretaría de Estado de Facenda sitúan a Galicia como a comunidade con menor débeda comercial de España. A ratio de débeda/PIB de Galicia situouse no mes de abril no 0,10%, a máis baixa de toda España e inferior á media autonómica, que foi do 0,33%. Ao peche do mes de abril, a débeda comercial do conxunto das comunidades autónomas era de 4.079 millóns de euros, dos que 62 millóns –o 1,5% do total- corresponden a Galicia.

Galicia xa foi a comunidade líder no ano 2018 en axilidade no pagamento aos seus provedores, e neste 2019 conseguiu pechar o primeiro trimestre do exercicio en segunda posición. Agora, os datos oficiais mostran que Galicia recupera o liderado nesta materia.
   

Período Medio de Pago – Abril 2019 (*CCAA réxime foral)

Galicia

14,2

 

Aragón

30,2

Andalucía

16,6

Cantabria

31,1

Canarias

19,1

TOTAL CC.AA.

34,9

País Vasco*

20,2

La Rioja

40,6

Extremadura

22,0

Cataluña

42,1

Castilla y León

22,2

Murcia

42,5

Madrid

22,4

Baleares

44,7

Asturias

24,0

C. Valenciana

55,2

Navarra*

25,8

Castilla-La Mancha

55,6