Volver ao contido

Notas de prensa

Galicia solicita a eliminación da taxa de reposición co obxectivo de garantir a estabilidade laboral no emprego público

Galicia solicita a eliminación da taxa de reposición co obxectivo de garantir a estabilidade laboral no emprego público

  • A Xunta presenta ao Goberno central unha proposta formal para modificar o Estatuto Básico do Empregado Público e reducir a temporalidade entre os traballadores das distintas administracións 
  • A Comisión de Coordinación del Empleo Público celebrouse de xeito telemático por mor da covid-19 

Santiago de Compostela, 26 de novembro de 2020.- Galicia vén de presentar unha proposta formal ao goberno central para eliminar a taxa de reposición do Estatuto Básico do Empregado Público (EBEP) co obxectivo de garantir a estabilidade laboral no emprego e reducir a temporalidade entre as persoas traballadoras das distintas Administracións. 

A xuntanza da Comisión de Coordinación del Empleo Público, órgano de participación que reúne ás comunidades autónomas e ao Ministerio de Política Territorial e Función Pública, celebrouse de xeito telemático por mor da covid-19. Na reunión debateuse un borrador de propostas normativas en relación co persoal funcionario interino.
 
O Goberno galego fixo unha proposta de modificación do EBEP, exposta e defendida polo director xeral de Función Pública, José María Barreiro Díaz, que recolle que nas ofertas de emprego público se inclúan todas as vacantes ocupadas por persoal interino, sen que resulte de aplicación ningunha taxa de reposición. 

De maneira adicional, a comunidade galega propón que as ofertas de emprego público poidan incluír ata un 80% das prazas que se prevé que van a quedar vacantes por xubilación no ano en curso e no seguinte, co fin de que o persoal que se xubila poida ser relevado polo persoal que supera as oposicións.

A proposta engade que as disposicións contempladas para os funcionarios interinos sobre cobertura e recoñecemento da antigüidade a efectos de carreira e cesamento sexan tamén de aplicación ao persoal laboral das administracións públicas, cando existan listas públicas para o acceso temporal ao emprego público da categoría na que o laboral temporal cesa.

Aínda que Galicia é a comunidade que ten a taxa de temporalidade máis baixa do conxunto do Estado, como veñen recollendo os boletíns periódicos que emite o ministerio, o goberno da Xunta segue a pedir a eliminación da taxa de reposición, porque permitirá estabilizar o emprego no persoal das Administracións públicas.