Volver ao contido

Notas de prensa

Galicia traslada ao Goberno que non comparte os criterios de reparto dos fondos adicionais para o COVID-19 porque se alonxan dos vixentes no sistema de financiamento

Galicia traslada ao Goberno que non comparte os criterios de reparto dos fondos adicionais para o COVID-19 porque se alonxan dos vixentes no sistema de financiamento

  • Nos 10.000 millóns para gasto sanitario, o Ministerio de Facenda trasladou que a poboación axustada só determinará o 28% do gasto, o que prexudica a comunidades con alta dispersión e avellentamento como Galicia
  • Galicia solicitou que este criterio determine como mínimo o 50% do reparto, e lembrou que no reparto do fondo social este criterio supuxo o 90% da distribución

Santiago de Compostela, 4 de maio de 2020.- O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, trasladou hoxe ao Ministerio de Facenda que Galicia non comparte os criterios de reparto dos fondos adicionais anunciados polo Goberno para afrontar a crise do COVID-19, dado que se alonxan dos criterios vixentes no sistema de financiamento autonómico.

Nunha videoconferencia na que participaron representantes das comunidades autónomas e do Ministerio de Facenda, o ministerio trasladou que os fondos adicionais serán de 16.000 millóns de euros e aprobaranse a través dun real decreto-lei coa seguinte distribución: 10.000 millóns para gasto sanitario, 1.000 millóns para gasto social e 5.000 millóns para compensar o descenso de recadación nos tributos propios.

A este respecto, o Ministerio de Facenda trasladou os criterios de reparto dos 10.000 millóns de gasto sanitario, que se distribuirán por dous criterios: un 28% en función da poboación axustada –é dicir, tendo en conta factores como dispersión xeográfica ou avellentamento- e o outro 72% por tres indicadores: probas PCR, hospitalizacións e ingresos en UCI.

Sobre isto, o conselleiro sinalou que Galicia considera que o criterio de poboación axustada está "infraponderado", e que debería ter un peso maior neste reparto de fondos, achegándose ao 50%. Ademais, tamén incidiu en que con estes criterios non se terían en conta o traballo das comunidades en eidos como a atención primaria e a saúde pública.

Ademais, Valeriano Martínez lembrou que o propio Goberno utilizou recentemente outros criterios distintos no reparto do Fondo Social extraordinario, no que o peso da poboación axustada era do 90%. De feito, o Ministerio de Facenda confirmou que ese será o criterio de reparto que se usará no reparto dos 1.000 millóns de novo fondo social –que irá destinado en exclusiva ás comunidades autónomas, e non ás entidades locais–, mentres que os criterios de reparto dos 5.000 millóns polo descenso de recadación fixaranse nunha reunión a posteriori.

O conselleiro de Facenda tamén demandou que as comunidades autónomas non teñan que asumir en 2022 unha liquidación negativa por mor do descenso de recadación que se producirá neste exercicio respecto ás entregas a conta.