Volver ao contido

Notas de prensa

A Conta Xeral ratifica que en 2019 Galicia cumpriu un ano máis os obxectivos de déficit e débeda fixados no seu orzamento

A Conta Xeral ratifica que en 2019 Galicia cumpriu un ano máis os obxectivos de déficit e débeda fixados no seu orzamento

  • A Comunidade galega rematou o exercicio cun déficit do 0,1% do PIB; incluíndo os 204 millóns da mensualidade do IVE de 2017 pendentes de recibir, reclamación xa admitida a trámite polo Tribunal Supremo
  • Galicia pechou o ano cunha taxa de endebedamento do 17,5% sobre o PIB, medio punto inferior ao límite autorizado
  • Reduciu a súa ratio de débeda/PIB por terceiro ano consecutivo e logrou baixar o seu volume de débeda por primeira vez en máis de 30 anos
  • En 2019 a Xunta acadou unha execución do orzamento de gasto non financeiro por riba do 96%, que superou o 101% nos gastos correntes
  • O aforro bruto acadou os 535 millóns de euros e axudou a que Galicia fose a 3º comunidade que dedicou máis recursos a investimentos

Santiago de Compostela, 24 de setembro de 2020.- O Consello da Xunta aprobou hoxe a Conta Xeral da Comunidade Autónoma do exercicio 2019, na que se ratifica que Galicia cumpriu os obxectivos de déficit e de débeda pública recollido no seu orzamento. O Goberno galego liquidou o exercicio cun déficit do 0,1% do PIB e cunha taxa de endebedamento do 17,5%, medio punto por debaixo do obxectivo autorizado.

O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Valeriano Martínez, presentou hoxe no Consello da Xunta esta Conta Xeral, na que se indica que o resultado de Galicia en termos de contabilidade nacional cumpre co límite autorizado polo Consello de Política Fiscal e Financeira (0,1% do PIB) para todas as administracións autonómicas; neste resultado están incluídos os 204 millóns da mensualidade do IVE de 2017, pendentes aínda de recibir, e cuxa reclamación xa está admitida a trámite polo Tribunal Supremo.

Ademais, na Conta Xeral pódese apreciar que Galicia non só foi das comunidades autónomas que cumpriu de novo os obxectivos de déficit e de débeda, senón que liderou o tempo de pago a provedores. En concreto, o período medio de pago de Galicia no conxunto do ano 2019 foi de 19 días fronte aos 37,4 días da media autonómica, o que confirma que Galicia pagou de media as súas facturas na metade de tempo que o conxunto das comunidades.

Desta forma, a Xunta de Galicia, un exercicio máis, é quen de compatibilizar altos niveis de execución, con grandes esforzos investidores e un áxil pagamento aos provedores.

A Conta Xeral mostra que en 2019 a Xunta foi capaz de acadar unha execución do orzamento consolidado de gasto do 96,4%, un indicador aínda maior -do 101,2%- no gasto corrente, que engloba todo o gasto social da Administración galega, especialmente o gasto sanitario, educativo e no eido dos servizos sociais.

Os cidadáns aforraron 111 millóns en impostos
Por outra banda, ratifica que as baixadas de impostos aprobadas polo Goberno galego desde xaneiro de 2016 -con especial incidencia no Imposto sobre Sucesións e Doazóns e no programa de Impostos cero no rural- tiveron un impacto de 111 millóns de euros, cartos que quedaron nos petos das familias e fogares galegos.

A Conta Xeral de 2019 tamén reflicte que Galicia acadou un aforro bruto de 535 millóns de euros, que permitiu incrementar o grao de investimentos da Comunidade Autónoma sen recorrer ao endebedamento.

O máximo esforzo investidor
Deste xeito, Galicia mantívose en 2019 entre as comunidades autónomas líderes en investimentos. Segundo os datos oficiais do Ministerio de Facenda, Galicia foi o pasado ano a terceira comunidade con maior esforzo investidor –un 12,5% do gasto non financeiro-, fronte ao 7,2% de media autonómico.

Con estes indicadores, o Executivo galego reafirma a súa aposta por un modelo de crecemento baseado no cumprimento dos obxectivos de déficit e de débeda para seguir reducindo os gastos en xuros, o que permite ter maior marxe de gasto nos investimentos, reforzar o gasto social e pagar con máis axilidade aos provedores da Administración.

Ademais, froito da solvencia da Comunidade Autónoma, a Xunta foi a administración autonómica que pagou con máis axilidade aos seus provedores. Segundo os datos oficiais do Ministerio de Facenda, no 2019 o período medio de pago de Galicia situouse en 19 días, o que supón o tempo máis baixo das 17 comunidades autónomas.

A Xunta de Galicia remitirá agora a Conta Xeral ao Parlamento e ao Consello de Contas cumprindo a normativa en vigor, modificada en 2015 para facela máis esixente e que establece como prazo máximo de remisión o 30 de setembro.