Volver ao contido

Notas de prensa

A esperanza de vida en Galicia supera por primeira vez a barreira dos 83 anos, segundo os últimos datos do IGE

A esperanza de vida en Galicia supera por primeira vez a barreira dos 83 anos, segundo os últimos datos do IGE

  • O IGE publica hoxe un informe sobre indicadores demográficos
  • No caso das mulleres, a esperanza de vida chega ata os 86,3 anos
  • Estes indicadores achegan información desagregada por sexos e ata o nivel municipal acerca da estrutura da poboación, da fecundidade, a mortalidade e a nupcialidade

Santiago de Compostela, 29 de marzo de 2019.-  A esperanza de vida ao nacer superou por primeira vez en Galicia a barreira dos 83 anos, segundo se desprende do último informe sobre indicadores demográficos publicado hoxe polo Instituto Galego de Estatística (IGE).

A publicación de indicadores demográficos enmárcase nas análises da poboación que realiza o IGE cada ano que permiten establecer comparacións temporais e tamén a nivel territorial. Ademais, estes indicadores desagregados por sexo a ata o nivel municipal achegan información acerca da estrutura da poboación, a fecundidade, a mortalidade ou mesmo a nupcialidade.

En canto á esperanza de vida ao nacer, é dicir, a estimación media de anos que viviría unha persoa no caso de que as condicións de mortalidade se mantivesen constantes e semellantes ás actuais, acadou no ano 2017 en Galicia os 83,3 anos. En comparación co ano 2016, a esperanza de vida sobe en ambos sexos e chega aos 86,3 anos nas mulleres fronte aos 86 no 2016, e aos 80,2 no caso dos homes fronte aos 79,5 do ano anterior.

En canto á esperanza de vida aos 65 anos, entendida como a media de anos que lle queda por vivir a unha persoa que alcanza esa idade, situouse en Galicia nos 21,6 anos. Este indicador volve ser máis elevado no caso da mulleres (23,7) que no dos homes (19,4).

No informe publicado hoxe tamén se poden consultar datos referentes á densidade da poboación, a natalidade, mortalidade, fecundidade, idade media para a maternidade ou o matrimonio e mesmo evolución dos divorcios, entre outros.