Volver ao contido

Notas de prensa

A Xunta abre o vindeiro luns o prazo de inscrición nas listas de emprego temporal para traballar nos servizos públicos da Administración galega

A Xunta abre o vindeiro luns o prazo de inscrición nas listas de emprego temporal para traballar nos servizos públicos da Administración galega

  • Por primeira vez establécese que as solicitudes de inclusión se presentarán preferiblemente por vía electrónica
  • As persoas interesadas en formar parte das listas poderán apuntarse ata o 30 de abril
  • Estas listas permiten prestar servizos en centros formativos, centros de atención  a persoas con discapacidade ou en residencias de maiores, entre outros
  • Estarán abertas un total de 30 listas: 17 afectan a persoal funcionario e 13 a persoal laboral
  • Ademais, a Xunta actualiza os méritos das persoas inscritas en cada unha das listas para determinar a orde de prelación dos aspirantes

Santiago de Compostela, 26 de febreiro de 2021.- A Xunta abre o vindeiro luns o prazo de inscrición nas listas de emprego temporal para traballar nos servizos públicos da Administración galega. Calquera persoa que cumpra os requisitos de titulación poderá anotarse nas bolsas abertas para o nomeamento de funcionarios interinos e a contratación de persoal laboral temporal da Xunta de Galicia.

O prazo de inscrición permanecerá aberto desde o 1 de marzo ata o vindeiro 30 de abril, segundo recolle a resolución da Dirección Xeral da Función Pública publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG).

Ademais, este ano, por primeira vez, establécese que as solicitudes de inclusión nas listas de contratación temporal da Administración autonómica presentaranse preferiblemente por vía electrónica, a través do formulario normalizado accesible na sede electrónica https://sede.xunta.gal. En todo caso, de forma opcional, permitirase a presentación presencial das solicitudes.

Estas listas son utilizadas pola Xunta para cubrir vacantes, facer substitucións e reforzar os servizos públicos. As persoas contratadas prestarán servizos en institutos politécnicos, centros de atención a menores ou persoas con discapacidade, residencias de maiores, centros para persoas con dependencia, nos servizos de gardacostas ou como veterinarios.

O número de listas que estarán abertas para inscrición é de 30. Delas, 17 listas son para traballar como funcionario interino e outras 13 para traballar como contratado laboral. É importante subliñar que o feito de estar inscrito nas listas de emprego temporal da Xunta de Galicia para realizar substitucións temporais é unha forma de acadar méritos á hora de participar nun proceso selectivo e, polo tanto, incrementa as posibilidades de lograr un posto de traballo fixo na Administración.

No caso das listas que permanezan pechadas, as persoas interesadas que superaran algunha proba do último proceso selectivo ou prestaran servizos na Xunta para a lista correspondente a unha categoría, corpo, escala ou especialidade, sempre poden presentar a solicitude de inclusión.

O acceso ao emprego temporal na Xunta realízase a través do nomeamento de persoal funcionario interino ou de contratación temporal de persoal laboral. En ambos casos, as persoas seleccionadas proceden das listas elaboradas para este efecto. A orde na que figurarán as persoas inscritas dependerá dos méritos que reúnan, de acordo co baremo que figura na convocatoria.

Entre as listas abertas están as de veterinarios, profesores numerarios de institutos politécnicos marítimo-pesqueiros, escala de axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia, titulado/a superior médico/a, enfermeiro/a, fisioterapeuta, terapeuta ocupacional, auxiliar de enfermería ou xefe/a de cociña.

Actualización de méritos
Ao mesmo tempo, o DOG tamén publica hoxe a actualización provisional de méritos das persoas integrantes das listas de emprego da Administración galega. Os interesados teñen un prazo de dez días hábiles para presentar reclamacións e achegar a documentación xustificativa, no caso de non estar de acordo coa puntuación asignada.

Tanto o estado -aberto ou pechado- para a incorporación de novas solicitudes no que se atope cada lista, como o procedemento a seguir para inscribirse nelas, así como as puntuacións das persoas integrantes das listas consecuencia da actualización de méritos, poden consultarse no portal web corporativo da Xunta de Galicia, https://www.xunta.gal/funcion-publica/, no apartado de ‘Listas de contratación', que conta ademais cun epígrafe de preguntas frecuentes (FAQ) que responde ás dúbidas máis habituais que se lles presentan ás persoas interesadas en realizar este proceso.


LISTAS ABERTAS

 

CORPOS, ESCALAS E ESPECIALIDADES (PERSOAL FUNCIONARIO)

 

GRUPO

CORPO/

ESCALA

DENOMINACIÓN

A1

2067

Escala de veterinarios

A1

2093-01

Escala de profesores numerarios de institutos politécnicos marítimo-pesqueiros. Especialidade en lexislación marítima

A1

2093-02

Escala de profesores numerarios de institutos politécnicos marítimo-pesqueiros. Especialidade en procesos de cultivo acuícola

A1

2093-03

Escala de profesores numerarios de institutos politécnicos marítimo-pesqueiros. Especialidade en navegación marítima

A1

2093-04

Escala de profesores numerarios de institutos politécnicos marítimo-pesqueiros. Especialidade en pesca marítima / bioloxía pesqueira.

A1

2093-05

Escala de profesores numerarios de institutos politécnicos marítimo-pesqueiros. Especialidade en inglés marítimo

A1

2093-06

Escala de profesores numerarios de institutos politécnicos marítimo-pesqueiros. Especialidade en medicina subacuática e hiperbárica

A1

2093-07

Escala de profesores numerarios de institutos politécnicos marítimo-pesqueiros. Especialidade en intervencións subacuáticas e hiperbáricas

A1

2093-08

Escala de profesores numerarios de institutos politécnicos marítimo-pesqueiros. Especialidade en comunicacións

A1

2093-09

Escala de profesores numerarios de institutos politécnicos marítimo-pesqueiros. Especialidade en máquinas e instalacións mariñas

A1

2093-10

Escala de profesores numerarios de institutos politécnicos marítimo-pesqueiros. Especialidade en procesos sanitarios

A2

2094-01

Escala de mestres de taller de Institutos Politécnicos marítimo-pesqueiros. Especialidade en traballos técnicos de mergullo

A2

2094-02

Escala de mestres de taller de Institutos Politécnicos marítimo-pesqueiros. Especialidade en máquinas e producción

A2

2094-03

Escala de mestres de taller de Institutos Politécnicos marítimo-pesqueiros. Especialidade en servizos ao buque

C1

207C-02

Escala de axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia.

C1

207V

Escala operativa do Servizo de Gardacostas de Galicia. Especialidade Patrón.

C1

207W

Escala operativa do Servizo de Gardacostas de Galicia. Especialidade Mecánico.

 

GRUPOS E CATEGORÍAS (PERSOAL LABORAL)

 

GRUPO

CATEGORÍA

DENOMINACIÓN

I

002

Titulado/a superior médico/a. Médico/a xeriatra. Médico/a CEI. Médico/a adxunto/a. Médico/a

II

002

ATS. Enfermeiro/a. Practicante. DUE

II

011

Fisioterapeuta

II

020

Terapeuta ocupacional

III

004

Gobernante/a. Gobernante/a servizos domésticos. Encargado/a lavadoiro. Roupeiro. Ferro de pasar

III

006

Xefe/a de servizos técnicos. Encargado/a de mantemento. Conservador/a de edificios. Encargado/a oficios varios mantemento. Xefe/a de taller. Encargado/a de traballos. Especialista de oficios

III

014

Xefe/a de cociña

III

065

Oficial 1ª cociña. Oficial 1ª cociñeiro/a. Xefe/a cociña. Cociñeiro/a 1ª

III

069

Oficial/a servizos técnicos. Oficial 1ª mantemento. Oficial 1ª oficios varios. Oficial de primeira

III

078

Subgobernante/a

IV

003

Auxiliar sanitario. Auxiliar clínica. Auxiliar psiquiátrico/a. Auxiliar de enfermaría. Coidador/a xeriátrico. Coidador/a

IV

005

Oficial/a 2ª cociña. Cociñeiro/a oficial 2ª

IV

006

Axudante/a servizos técnicos. Oficial/a 2ª mantemento