Volver ao contido

Notas de prensa

A Xunta abre por primeira vez a inscrición nas listas de emprego temporal para xerocultor e persoal de servizos xerais

A Xunta abre por primeira vez a inscrición nas listas de emprego temporal para xerocultor e persoal de servizos xerais

  • As persoas interesadas poderán anotarse ata o vindeiro 30 de abril
  • Calquera que cumpra os requisitos de titulación poderá anotarse nestas listas
  • As instancias pódense descargar na web da Xunta de Galicia (www.xunta.gal), no apartado ‘Listas de Contratación'

Santiago de Compostela, 18 de marzo de 2019.- A Xunta de Galicia abre o prazo de inscrición nas listas de emprego temporal da Administración galega para cubrir postos de traballo das categorías profesionais de xerocultor/a e persoal de servizos xerais. Este prazo permanecerá aberto ata o vindeiro 30 de abril, segundo recolle a resolución da Dirección Xeral da Función Pública no Diario Oficial de Galicia (DOG) de hoxe.

É a primeira vez que a Xunta de Galicia abre a inscrición nestas dúas listas, que foron incorporadas con ocasión do acordo de integración do persoal do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar no V Convenio do persoal laboral da Xunta, un acordo de integración que foi subscrito en 2017 entre a Xunta e os sindicatos CIG, CC.OO. e UGT.

O persoal xerocultor ten como función a de asistir á persoa usuaria na realización das actividades básicas e instrumentais, tanto sociais como sanitarias, da vida cotiá que non poida realizar por sí misma a causa da súa discapacidade, e efectuar aqueles traballos encamiñados á súa atención personal e da súa contorna.

En canto ao persoal de servizos xerais, ten entre as súas funcións a realización de tarefas administrativas e de apoio á xestión no centro, servizo ou unidade respectiva; a apertura e peche dos centros ou unidades; a distribución de comidas e adecentamento de comedores; as tarefas de lavandería, mantemento e apoio ás funcións xerais, así como labores de recepción, portería, atención e información ás persoas usuarias, entre outras.

Todas aquelas persoas interesadas en apuntarse nestas listas de emprego temporal deberán presentar a instancia que se pode descargar na web da Xunta de Galicia (www.xunta.gal), no apartado ‘Listas de Contratación'. Calquera persoa que cumpra os requisitos de titulación poderá anotarse nestas e noutras bolsas abertas xa para o nomeamento de funcionarios interinos e para contratación de persoal laboral temporal, que a Xunta utiliza para cubrir vacantes, facer substitucións e reforzar os servizos públicos.

Entre as listas abertas están as de veterinarios, escala superior e escala técnica de finanzas, médico xeriatra, enfermeiro, fisioterapeuta, director de gardería infantil, xefe de cociña, auxiliar de clínica, auxiliar de fogar, bombeiro forestal ou bombeiro forestal condutor.