Volver ao contido

Notas de prensa

A Xunta aproba o decreto que permitirá funcionarizar de xeito voluntario o persoal laboral fixo da Administración autonómica

A Xunta aproba o decreto que permitirá funcionarizar de xeito voluntario o persoal laboral fixo da Administración autonómica

  • Nas vindeiras semanas empezaranse a convocar 1.424 prazas para poder desenvolvelas no primeiro semestre de 2020
  • O decreto dispón do aval do Consello Consultivo e previamente foi negociado cos sindicatos e contou co voto favorable de UGT e CC.OO.
  • O Goberno galego impulsa o primeiro proceso de funcionarización da historia da autonomía, que busca unificar o réxime laboral dos empregados públicos da Xunta
  • Estes profesionais seguirán ocupando o mesmo posto de traballo e non sufrirán perdas retributivas
  • O proceso é totalmente voluntario e o 95% do persoal laboral fixo da Xunta solicitou acollerse a este proceso
  • Os procesos selectivos serán de concurso-oposición, tal e como establece o Estatuto básico do empregado público

Santiago de Compostela, 26 de decembro de 2019.- O Consello da Xunta aprobou hoxe o decreto que regula os procesos de funcionarización do persoal laboral fixo da Administración autonómica. Este trámite permitirá convocar nas vindeiras semanas estes procesos de conformidade coas ofertas públicas de emprego dos anos 2018 e 2019, e que recollen as primeiras 1.424 prazas para estes procedementos de funcionarización totalmente voluntarios.
Para axilizar este proceso, unha medida moi demandada polos traballadores e organizacións sindicais, a Xunta xa estivo negociando previamente cos sindicatos as distintas convocatorias e contou co voto favorable de UGT e CC.OO. O Goberno galego levou este decreto hoxe ao Consello unha vez que xa dispón do aval do Consello Consultivo de Galicia. A previsión é que estes primeiros procesos se desenvolvan no primeiro semestre de 2020.
Este é o primeiro proceso de funcionarización da historia da autonomía e está previsto no Acordo de Concertación Social do Emprego Público de Galicia asinado entre a Xunta e os sindicatos a principios deste ano. É un proceso de carácter voluntario que habilita o persoal laboral fixo incluído no ámbito de aplicación do Convenio colectivo único do persoal laboral da Xunta que superou un proceso selectivo para ter esa condición de persoal laboral fixo, para adquirir a condición de persoal funcionario de carreira a través dun procedemento selectivo específico.
Estes profesionais seguirán ocupando o mesmo posto de traballo e non sufrirán perdas retributivas, á vez que consolidan a percepción do complemento de carreira profesional, que estaba supeditado á superación deste proceso.
Convocatorias
As convocatorias que se publicarán nas vindeiras semanas recollen a funcionarización dun primeiro bloque de categorías de persoal laboral fixo nos grupos A1, A2, C1, C2 e as agrupacións profesionais (AP) de persoal funcionario.

Hai que ter en conta que o 95% do persoal laboral fixo que presta servizos na Xunta de Galicia solicitou acollerse o pasado ano a este proceso de funcionarización. O proceso selectivo que deberá superar para converterse en funcionario será de concurso-oposición, tal e como se establece no Estatuto do empregado público (EBEP).
En todo caso, trátase dunha proba de características diferentes ás establecidas para un proceso selectivo ordinario pois non é un proceso competitivo como sucede nun proceso selectivo de acceso libre.
En consecuencia, este procedemento non ten por obxecto o acceso á Administración nin o ascenso de escala ou categoría, senón a transformación voluntaria en funcionarios dos traballadores que xa teñen unha praza fixa na Administración como persoal laboral fixo. É dicir, o persoal laboral fixo poderá converterse en funcionario de carreira accedendo a unha categoría equivalente á que actualmente ocupa. Ademais, o proceso de funcionarización é distinto e independente dos procesos de promoción interna do persoal funcionario, que permiten o progreso profesional a través dun ascenso a unha praza dun grupo superior.
A finalidade deste procedemento é unificar o réxime xurídico aplicable ao persoal que presta servizos na Administración da Xunta de Galicia, para eliminar así a disparidade de réximes xurídicos aplicables ao persoal e cumprir o principio xeral de que os postos de traballo nas administracións públicas deben ser desempeñados por persoal funcionario.