Volver ao contido

Notas de prensa

A Xunta aproba un límite de gasto non financeiro para 2020 de 10.160 millóns de euros, un 3,1% máis que o deste exercicio

A Xunta aproba un límite de gasto non financeiro para 2020 de 10.160 millóns de euros, un 3,1% máis que o deste exercicio

  • A capacidade máxima de gasto aumenta en 311 millóns respecto a 2019
  • É a primeira vez que o teito de gasto da Comunidade Autónoma supera a barreira dos 10.000 millóns de euros
  • A Xunta prevé que o PIB galego medre un 2% este ano e un 1,9% en 2020
  • En canto á taxa de paro, seguirá baixando ata o 11,4% en 2019 e ao 10,6% en 2020

O Consello da Xunta aprobou hoxe o límite de gasto non financeiro da Comunidade Autónoma para o exercicio 2020, que ascende a 10.160 millóns de euros, un 3,1% máis que o aprobado para o presente exercicio. Isto supón que a capacidade máxima de gasto aumenta en 311 millóns de euros respecto a 2019.

Un ano máis, a Xunta de Galicia cumpriu co establecido na Lei de disciplina orzamentaria de 2011 e aprobou o teito de gasto non financeiro, que agora será remitido ao Parlamento para o seu debate e posterior aprobación. Este límite establece o máximo gasto que se pode acadar no proxecto de Lei de orzamentos xerais de Galicia, que o Goberno galego tamén aprobará nos vindeiros días para remitilo á Cámara co obxectivo de iniciar a súa tramitación parlamentaria para que entre en vigor o vindeiro 1 de xaneiro.

O teito de gasto aprobado hoxe polo Consello da Xunta é prudente e rigoroso, e está conformado por 10.112 millóns de euros de recursos non financeiros –incluíndo os recursos do sistema de financiamento, os fondos finalistas e outros recursos non financeiros- e por 68 millóns de euros correspondentes ao 0,1% de necesidade de financiamento, e unha vez detraídos 21 millóns de axustes de contabilidade nacional.

Con esta evolución, a Comunidade Autónoma contará cunha capacidade máxima de gasto que supera en máis de 1.700 millóns de euros a de 2015, e será o segundo ano consecutivo en que o teito de gasto é aprobado sen recorrer practicamente ao endebedamento.

Na elaboración deste teito de gasto, o Goberno galego optou por unhas estimacións moi prudentes toda vez que o Goberno central non facilitou a contía dos recursos do sistema de financiamento correspondentes ao exercicio 2020, o que se suma ao feito de que o Consello de Política Fiscal e Financeira (CPFF) leva máis dun ano sen reunirse. En todo caso, a Xunta prevé un incremento desta partida –que representa o 80% dos ingresos– na liña do crecemento nominal da economía.

Cadro macroeconómico
En canto á actualización do cadro macroeconómico aprobado en outubro de 2018, a Xunta prevé que o produto interior bruto (PIB) de Galicia medre un 2% este ano e un 1,9% en 2020, en liña co estimado para a economía española e por riba da previsión de crecemento da Unión Europea e das principais economías da Eurozona.

En canto á taxa de desemprego, as estimacións do Goberno galego prevén que o paro manteña a senda descendente dos últimos anos. Así, a taxa de paro baixará do 13,3% de 2018 ata o 11,4% previsto para este 2019, e en 2020 continuará descendendo e situarase no 10,6%.

En ambos os casos, con estas estimacións cumpriríanse as previsións incluídas no Plan estratéxico de Galicia 2015-2020, que establecían un crecemento medio do PIB galego do 2,5% neste período e unha taxa de paro do 10% ao finalizar o ano 2020.