Volver ao contido

Notas de prensa

A Xunta aumentará a dotación do Fondo de Cooperación Local para 2020 ata os 135,8 millóns de euros, un 6,6% máis que neste exercicio

A Xunta aumentará a dotación do Fondo de Cooperación Local para 2020 ata os 135,8 millóns de euros, un 6,6% máis que neste exercicio

  • O vicepresidente da Xunta e o conselleiro de Facenda mantiveron un encontro hoxe cos representantes da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP)

Santiago de Compostela, 15 de outubro de 2019.- A Xunta de Galicia trasladoulle hoxe á directiva da  Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) que nos Orzamentos para 2020 o Fondo de Cooperación Local (FCL) terá unha dotación presupostaria de 135,8 millóns de euros, o que supón un incremento do 6,6% respecto a este exercicio.

En concreto, os representantes do Goberno galego trasladáronlle aos membros da FEGAMP que o Fondo de Cooperación Local incrementará a súa dotación en 8,4 millóns de euros nas contas autonómicas de 2020, que se aprobarán esta semana no Consello da Xunta.

O vicepresidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez; mantiveron un encontro cunha representación da FEGAMP, encabezada polo seu presidente, Alfredo García, acompañado por tres vicepresidentes da entidade e polo seu voceiro. Por parte da Xunta participaron na reunión a directora xeral de Administración Local, Marta Fernández-Tapias; e o director xeral de Planificación e Orzamentos, Miguel Corgos.

Á cantidade total asignada ao Fondo de Cooperación Local, hai que sumar outras liñas de axudas e subvencións das distintas consellerías, así como a dotación correspondente ao Fondo de Compensación Ambiental.