Volver ao contido

Notas de prensa

A Xunta autoriza a retrocesión do pavillón administrativo do Barrio da Residencia para facer a nova oficina de emprego e formación de Lugo

A Xunta autoriza a retrocesión do pavillón administrativo do Barrio da Residencia para facer a nova oficina de emprego e formación de Lugo

  • Este trámite foi acordado a semana pasada coa Tesourería Xeral da Seguridade Social, propietaria deste inmoble
  • A Administración do Estado tramitará unha cesión de uso do ben e unha autorización para que a Xunta poida solicitar licitar xa as obras
  • A transformación do Barrio da Residencia xa está en marcha: as obras de demolición do antigo xeral comezaron en decembro, e a Xunta segue agardando que o Concello de Lugo outorgue a licenza para o Centro Integral de Saúde

O Consello da Xunta autorizou hoxe a retrocesión do pavillón administrativo do complexo da Residencia de Lugo, para facer a nova oficina de Emprego e Formación do Barrio da Residencia. Este trámite foi acordado a semana pasada entre representantes da Consellería de Facenda e da Tesourería Xeral da Seguridade Social, que é a Administración propietaria deste inmoble, coñecido tamén como antiga escola universitaria de enfermería e que actualmente está en desuso.

Unha vez autorizada a retrocesión por parte do Consello da Xunta, solicitarase simultaneamente á Tesourería Xeral da Seguridade Social a retrocesión do inmoble, unha nova cesión á Xunta para destinalo a Oficina de Emprego e Formación, e unha autorización de ocupación para ir realizando a obra de rehabilitación. Con esta última autorización, a Tesourería Xeral da Seguridade Social porá á disposición o inmoble para os efectos de que a Xunta poida licitar xa a rehabilitación.

Pola súa parte, o obxectivo da Xunta é solicitar a licencia de obra ao Concello de Lugo nas vindeiras semanas, e licitar as obras de reforma do inmoble, toda vez que o proxecto xa está practicamente rematado. Neste inmoble traballarán empregados públicos da Xunta de Galicia e tamén persoal da Administración do Estado adscrito ao Servizo Público de Emprego (SEPE), do Ministerio de Traballo, Migracións e Seguridade Social.

Transformación xa en marcha
As obras de transformación impulsadas pola Xunta de Galicia no antigo Barrio da Residencia, en Lugo, xa están en marcha. Así, os traballos de demolición do antigo Hospital Xeral comezaron o pasado mes de decembro e para a súa execución, a Xunta de Galicia destina 3,3 millóns de euros. Unha vez liberado este espazo, a Xunta desenvolverá nunha parte deste terreo unha residencia sociosanitaria para maiores con 120 prazas, e o resto será retrocedido á Tesourería Xeral da Seguridade Social, que é a propietaria do terreo.

Ademais, a Xunta de Galicia segue agardando desde xaneiro a que o Concello de Lugo outorgue licenza para a construción do novo Centro Integral de Saúde, que estará situado nas instalacións do antigo Materno-infantil. O Goberno galego prevé investir 9 millóns de euros nesta nova dotación sanitaria.