Volver ao contido

Notas de prensa

A Xunta de Galicia realiza o acto de izado da bandeira da UE para conmemorar o Día de Europa

A Xunta de Galicia realiza o acto de izado da bandeira da UE para conmemorar o Día de Europa

  • No acto participou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, acompañado polo conxunto do Goberno galego

Santiago de Compostela, 9 de maio de 2019.- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, realizou hoxe o izado da bandeira da Unión Europea con motivo da conmemoración do Día de Europa. O acto, no que participou o conxunto do Goberno galego, celebrouse diante da fachada principal das instalacións centrais da Xunta de Galicia, en San Caetano.

O Día de Europa celébrase xa desde hai máis de dúas décadas para homenaxear a Jean Monnet e a Robert Schuman, os cales o 9 de maio de 1950 lanzaron a idea de integrar a todas as nacións europeas para poder desterrar para sempre a guerra deste continente. Este acto considérase orixe e semente da creación da actual Unión Europea.

Pese ao seu carácter periférico dende o punto de vista xeográfico, Galicia converteuse nas últimas décadas nunha rexión plenamente identificada coa construción europea, cunha relación cada vez máis sólida con Bruxelas tanto dende o punto de vista político, como económico e social.

Neste sentido, a implicación da Comunidade galega con Europa queda patente día a día en eidos como a política pesqueira e agrícola, a cooperación transfronteiriza co norte de Portugal ou a xestión dos fondos estruturais. Ademais, a solidariedade comunitaria, como parte esencial da UE dende o seu inicio, ten contribuído de xeito decisivo ao fortalecemento de Galicia dende a súa adhesión.

O acto realizado hoxe nas instalacións da Administración autonómica está previsto na normativa europea de fondos estruturais da política de cohesión.