Volver ao contido

Notas de prensa

A Xunta licitará un servizo para garantir que todos os galegos teñan acceso a servizos financeiros no seu concello

A Xunta licitará un servizo para garantir que todos os galegos teñan acceso a servizos financeiros no seu concello

  • Ademais de dispoñer dun caixeiro no seu municipio, os veciños destes concellos tamén poderán acceder a servizos de asistencia financeira e de formación en banca electrónica
  • A Administración galega abordará esta cuestión de xeito inmediato coa FEGAMP
  • O obxectivo é implantar esta medida nos 41 concellos que carecen dunha entidade financeira no seu territorio, o que beneficiaría a máis de 52.000 galegos

A Xunta de Galicia licitará un servizo que garantirá que toda a poboación galega dispoña de servizos financeiros no seu concello, de modo que dispoñan dun caixeiro automático no seu municipio e poidan acceder tamén a servizos de asistencia financeira e de formación en banca electrónica. Tal como recolle un informe elaborado pola Consellería de Facenda, 41 dos 313 municipios carecen dunha entidade financeira no seu territorio, polo que a medida que vai impulsar o Goberno galego beneficiará a máis de 52.000 galegos.

O obxectivo do Goberno galego é universalizar o acceso ás prestacións financeiras, unha medida que repercutirá principalmente nos concellos de menor poboación e ámbito rural. A Administración autonómica abordará de xeito inmediato esta cuestión coa Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), unha vez que esta fin de semana xa queden conformadas todas as corporacións locais.

A previsión da Xunta é licitar un servizo que inclúa, en primeiro lugar, a instalación dun caixeiro automático en cada un dos 41 municipios que non dispoñen de entidade financeira. Con esta medida, os habitantes de cada un deses 41 concellos poderán efectuar xestións ordinarias como a retirada e ingreso de cartos en metálico, a actualización das libretas bancarias ou o pagamento de recibos sen necesidade de desprazarse a outros municipios.

Ademais, este contrato –que a Xunta sacará a concurso público– tamén incluirá outros dous servizos que serán prestados por persoal da entidade á que se lle adxudique o contrato: un servizo de asistencia financeira ao cidadán, para solventar de xeito presencial as dúbidas dos clientes; e un servizo de formación en banca electrónica, para que os cidadáns interesados adquiran nocións básicas para aprender a utilizar os servizos bancarios que xa están dispoñibles a través das novas tecnoloxías.

A Xunta de Galicia abordará coa FEGAMP as condicións nas que se desenvolverá este servizo, incluíndo a colaboración que prestará cada municipio na posta en marcha do servizo. En todo caso, para levalo a cabo será preciso que os gobernos locais dean a súa autorización, para o cal se asinará un protocolo de adhesión entre cada concello beneficiario do servizo e a Administración galega.

Concellos beneficiados
Segundo os datos do Banco de España a 31 de decembro de 2018, un total de 41 concellos galegos –o 13% do total– carecen dunha entidade de crédito. A provincia máis afectada é a de Ourense, onde non teñen servizos financeiros 25 municipios nos que residen 26.373 habitantes. Os 25 concellos son Xunqueira de Ambía, Xunqueira de Espadanedo, Lobeira, Piñor, Punxín, Baltar, Os Blancos, Porqueira, Rairiz de Veiga, Trasmiras, Taboadela, A Arnoia, Beade, Carballeda de Avia, Cenlle, Melón, A Bola, Pontedeva, Verea, Chandrexa de Queixa, Larouco, Petín, Castrelo do Val, Monterrei e Oímbra.

O resto de concellos distribúense entre a provincia da Coruña, con dez municipios (Aranga, Coirós, Paderne, Vilarmaior, Vilasantar, Cabanas, Lousame, Dodro, Santiso e Toques) nos que residen 20.849 persoas; catro concellos na provincia de Lugo (Negueira de Muñiz, Ribeira de Piquín, Ribas de Sil e O Páramo), que concentran unha poboación de 3.119 persoas; e dous municipios na de Pontevedra (Mondariz-Balneario e Dozón), cunha poboación de 1.728 persoas.