A Xunta de Galicia lembra que o persoal da Administración Autonómica a 1 de xaneiro medrou ata os 87.315 efectivos, 320 máis que o ano anterior
- O maior volume de traballadores concéntrase na sanidade pública, que acada a cifra de efectivos máis alta da historia de Galicia
Santiago de Compostela, 24 de xuño de 2019.- O persoal da Xunta de Galicia a 1 de xaneiro de 2019 medrou ata os 87.315 efectivos, o que supón un incremento de 320 empregados públicos en comparación coa mesma data de 2018. Esta cifra non coincide cos datos publicados hoxe polo Ministerio de Política Territorial, no Boletín do Rexistro Central de Persoal, dado que este boletín non computa desde 2016 o persoal funcionario docente en período de prácticas logo de superar a correspondente oposición. Por esta razón, as cifras referentes a Galicia non permiten realizar comparativas homoxéneas con anos anteriores.
O maior volume de efectivos públicos na Xunta de Galicia concéntrase na área de institucións sanitarias. O número de empregados dependentes da Xunta na sanidade pública ascende a 35.136 efectivos, cun incremento de 592 traballadores respecto a un ano antes. Con este aumento de persoal –do 1,7%–, a cifra de efectivos na sanidade pública de Galicia é o máis elevado da historia, superando a cifra do ano 2009.
No ensino, os datos da Xunta mostran que o cadro de persoal nos centros educativos mantense totalmente estable, xa que a diminución de efectivos é inferior ao 0,2%. Co volume de empregados públicos que mantén a Xunta, de 33.877 persoas, garántase que Galicia siga sendo a comunidade coa mellor ratio profesor/alumno de toda España.
En canto ao ámbito de consellerías, o número de efectivos descende en 244 persoas, unha baixada que se explica polo número de traballadores que accede á idade de xubilación, e cuxo ritmo de reposición está a ser máis lento como consecuencia das taxas de reposición establecidas na lexislación do Estado. Finalmente, no eido da Xustiza rexistrouse un incremento de 23 efectivos respecto ao ano anterior.
| 1-Xaneiro 2018 | 1-Xaneiro 2019 | Diferenza 2018/2019 |
Persoal na Sanidade pública | 34.544 | 35.136 | +592 |
Persoal no Ensino público | 33.928 | 33.877 | -51 |
Persoal de Consellerías | 15.735 | 15.491 | -244 |
Persoal de Xustiza | 2.788 | 2.811 | +23 |
PERSOAL XUNTA | 86.995 | 87.315 | +320 |