Volver ao contido

Notas de prensa

A Xunta resalta o labor das Sociedades de Garantía Recíproca na recuperación económica e no financiamento das pemes galegas

A Xunta resalta o labor das Sociedades de Garantía Recíproca na recuperación económica e no financiamento das pemes galegas

  • O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, inaugurou a Asemblea  Xeral da Asociación  Española de Sociedades de Garantía Recíproca na Coruña, que foi clausurada polo conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez
  • Ambos lembraron que as pequenas e medianas empresas son unha das principais fontes de creación de emprego

A Coruña, 31 de maio de 2019.- A Xunta de Galicia resaltou hoxe o papel fundamental das Sociedades de Garantía Recíproca (SGR) no reforzo da recuperación económica de Galicia e no financiamento das pemes, os autónomos e os emprendedores galegos. Fíxoo na Asemblea Xeral da Asociación Española de Sociedades de Garantía Recíproca, un acto que se celebrou hoxe na Coruña e que foi inaugurado polo conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mentres que a súa clausura levouna a cabo o conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez.

Na inauguración do evento, Francisco Conde destacou a necesidade de dar visibilidade ao labor das Sociedades de Garantía Recíproca e invitou aos presentes a seguir apoiando xuntos ao tecido empresarial galego para poder seguir falando de crecemento económico. Neste sentido, reivindicou a importancia de que exista unha política integral de apoio ao financiamento empresarial e a importancia de chegar a acordos desde o eido público-privado para favorecer o acceso ao financiamento por parte das empresas con menos posibilidades e, deste xeito, apoiar o seu crecemento, internacionalización e competitividade, así como a creación de postos de traballo que consoliden a recuperación do mercado laboral.

Conde lembrou a carteira de servizos e axudas que, con esta finalidade, a Xunta pon a disposición das empresas. É o caso do Plan de financiamento 2019. Xestionado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Igape, prevé contribuír á mobilización de 290 millóns de euros en 800 proxectos de emprendedores, micropemes e pemes. Deste xeito, facilítase ao tecido empresarial galego a súa transformación a través da Industria 4.0 e da incorporación da innovación nos seus procesos produtivos.

Pola súa banda, o conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, explicou na clausura do acto –no que participaron diferentes representantes de Sogarpo e Afigal- que as pequenas e medianas empresas constitúen unha das principais fontes de creación e sostemento do emprego na comunidade galega, e por iso o seu acceso ao financiamento resulta de vital importancia para manter a actividade e os postos de traballo.

O titular de Facenda lembrou que Galicia ten rexistrado nos últimos catro anos un crecemento da economía na contorna do 3%, o que permitiu a creación de 80.000 novos postos de traballo, e subliñou que o obxectivo da Xunta é seguir impulsando o crecemento e a creación de emprego, conforme ao establecido no Plan Estratéxico de Galicia 2015-2020.