Volver ao contido

Notas de prensa

A Xunta reservará 24 prazas para persoas con discapacidade intelectual na Oferta de Emprego Público para 2020

A Xunta reservará 24 prazas para persoas con discapacidade intelectual na Oferta de Emprego Público para 2020

  • Esta será a terceira promoción de empregados públicos da Administración Autonómica con discapacidade intelectual
  • As administracións públicas deben promover e desenvolver iniciativas que axuden a alcanzar unha inserción laboral efectiva das persoas con discapacidade

Santiago de Compostela, 6 de decembro de 2020.- A Oferta de Emprego Público (OEP) da Xunta de Galicia para 2020 incluirá no eido da Administración xeral un total de 77 prazas para persoas con discapacidade. Dentro delas haberá 24 prazas reservadas para persoas con discapacidade intelectual.

Esta será a terceira promoción de empregados públicos da Administración Autonómica con discapacidade intelectual, xa que a primeira está a traballar desde hai máis de dous anos en distintas consellerías da Xunta de Galicia; e a segunda promoción elixirá destino nos vindeiros días, toda vez que a elección de destino supón a parte final dun proceso selectivo.

Máis funcionarios con discapacidade
A inserción laboral de persoas con discapacidade constitúe unha vía fundamental para alcanzar unha plena integración social, polo que é necesario adoptar as medidas necesarias para aumentar as súas posibilidades de traballo e impedir calquera forma de discriminación. As administracións públicas deben promover e desenvolver iniciativas que axuden a alcanzar unha inserción laboral efectiva das persoas con discapacidade. 

Neste marco, a Xunta puxo en marcha por primeira vez en 2018, unha bolsa de emprego temporal reservada para persoas con discapacidade intelectual. As persoas apuntadas nesta lista poden traballar nas consellerías da Administración galega con contratos temporais, en postos de traballo especificamente adaptados a persoas con discapacidade intelectual.

Todo isto enmarcado na clara aposta da Xunta de Galicia pola inclusión laboral das persoas con discapacidade, o que lles permite demostrar toda a súa valía e ademais adquirir habilidades e coñecementos.