Volver ao contido

Notas de prensa

A Xunta solicita eliminar a taxa de reposición na sanidade e nos servizos sociais para aumentar a estabilidade no emprego

A Xunta solicita eliminar a taxa de reposición na sanidade e nos servizos sociais para aumentar a estabilidade no emprego

  • O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, participou hoxe de xeito telemático na Conferencia sectorial de Administración Pública
  • Tamén pediu restituír a xubilación parcial para o persoal de servizo público

Santiago de Compostela, 11 de xuño de 2020.- O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, participou hoxe por vía telemática na Conferencia sectorial de Administración Pública, na que lle trasladou ao Ministerio de Política Territorial e Función Pública as demandas de Galicia no eido do emprego público.

En primeiro lugar, no ámbito da estabilidade no emprego o conselleiro demandou a autorización -xa solicitada en anteriores ocasións- para a eliminación das taxas de substitución no sector sanitario público co fin de consolidar o emprego destes profesionais, o que permitiría ofrecer este ano 3.500 empregos públicos nesta área.

No transcurso da conferencia sectorial celebrada esta mañá, na que participaron os conselleiros de todas as comunidades autónomas e representantes do Ministerio de Política Territorial e Función Pública, Valeriano Martínez tamén solicitou a ampliación desta medida a profesionais vencellados ás políticas sociais –coma o persoal en fogares de maiores, en centros de dependencia ou de discapacidade– co fin de consolidar o emprego neste ámbito, así como eliminar o requisito de antigüidade de tres anos para considerar un posto como elixible para a súa inclusión nos procesos públicos de estabilización do emprego.

Xubilación parcial
No eido da xubilación parcial, o conselleiro de Facenda demandou a restitución do réxime de xubilación parcial para persoal de servizo público, que foi eliminado como consecuencia de non ser renovado polo Goberno central a principios de 2019.

No transcurso da conferencia sectorial, a ministra de Política Territorial e Función Pública trasladou ás comunidades autónomas a súa intención de abordar unha reforma puntual do Estatuto Básico do Empregado Público (EBEP).

Na conferencia sectorial, que se celebrou por vía telemática, participou tamén o director xeral da Función Pública da Xunta de Galicia, José María Barreiro.