Volver ao contido

Notas de prensa

A Xunta suspende os prazos para a presentación dos impostos de transmisións patrimoniais, de sucesións e os tributos do xogo para dotar de liquidez a empresas e cidadáns

A Xunta suspende os prazos para a presentación dos impostos de transmisións patrimoniais, de sucesións e os tributos do xogo para dotar de liquidez a empresas e cidadáns

  • Todas as autoliquidacións destes impostos cuxo prazo vence a partir da declaración do estado de alarma poderán ser presentadas ata o 30 de xuño
  • A medida beneficiará cada mes a 32.000 persoas e empresas, e a Axencia Tributaria de Galicia deixará de ingresar cada mes uns 35 millóns de euros
  • A Xunta toma esta decisión para evitar tamén os desprazamentos de cidadáns a rexistros ou entidades bancarias
  • O Goberno galego activa ademais un plan específico para dotar de liquidez á Comunidade Autónoma, a través do cal a tesourería disporá de ata 1.800 millóns de euros para afrontar pagos extraordinarios e axilizar o pagamento de facturas
  • A Administración galega xa pagou 941 millóns de euros en facturas no que vai de ano e o obxectivo é pechar marzo cun tempo medio de pago que non supere os 15 días

Santiago de Compostela, 27 de marzo de 2020.- A Xunta de Galicia suspendeu os prazos para a presentación das autoliquidacións dos impostos de transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados (ITP-AXD); de sucesións e doazóns (ISD) e os tributos do xogo, segundo consta nun informe sobre medidas tributarias e de apoio e liquidez a cidadáns e empresas por mor do coronavirus, abordado hoxe no Consello da Xunta.

Todas as autoliquidacións destes tres impostos cuxo prazo venceu a partir da declaración do estado de alarma o pasado 14 de marzo, ou vai vencer mentres dure esta situación excepcional, poderán ser presentadas ata o 30 de xuño de 2020, ou ata un mes despois da finalización do estado de alarma.

Esta medida beneficiará cada mes a unhas 32.000 persoas e empresas, que mentres dure o estado de alarma non terán a necesidade de presentar a autoliquidación do imposto. A Axencia Tributaria de Galicia deixará de ingresar cada mes uns 35 millóns mentres estea vixente esta suspensión de prazos. En todo caso, os contribuíntes que así o prefiran poden presentar as autoliquidacións de xeito telemático a través da Oficina Virtual da ATRIGA.

A suspensión de prazos non afecta ao resto dos impostos autonómicos –coma o canon eólico, o imposto sobre as augas encoradas ou o imposto sobre contaminación atmosférica– dado que a súa presentación faise obrigatoriamente de xeito telemático e están relacionados co impacto ambiental de determinadas actividades non afectadas polo coronavirus.

A Xunta de Galicia toma esta decisión para evitar os desprazamentos de cidadáns a rexistros ou entidades bancarias, de modo que realicen todos estes trámites unha vez que conclúa a actual situación.

Hai que ter en conta que un contribuínte, aínda que non teña que aboar o imposto por beneficiarse das distintas bonificacións ou deducións existentes –como sucede coas deducións do Imposto sobre Sucesións ou co programa de Impostos Cero no rural-, si está obrigado en todo caso a presentar a correspondente autoliquidación do imposto.

Plan de tesourería para dispoñer de ata 1.800 millóns
Ademais de aprobar unha suspensión dos prazos para autoliquidar os principais impostos que xestiona a Comunidade Autónoma, o Goberno galego tamén vén de activar un plan específico para dotar de liquidez á tesourería da Comunidade Autónoma, co fin de compensar o descenso da recadación motivado pola suspensión de prazos e, ao mesmo tempo, axilizar os pagamentos de facturas a todos os provedores que traballan coa Administración galega, para aliviar os efectos negativos derivados do coronavirus.

Con este plan, a Tesourería da Comunidade Autónoma poderá dispoñer de ata case 1.800 millóns de euros cos que afrontar os pagamentos ordinarios –como as nóminas dos empregados públicos ou as cotizacións á Seguridade Social- e ademais axilizar o pagamento das facturas aos provedores da Xunta de Galicia e afrontar gastos extraordinarios que poidan xurdir nas vindeiras semanas.

En concreto, a través da renovación das liñas de crédito ordinarias e da formalización de préstamos a curto prazo, a Xunta de Galicia contará cun potencia de liquidez dispoñible de 1.310 millóns de euros. A esta cantidade súmanse outros 260 millóns de préstamos do Banco Europeo de Investimentos (BEI) xa formalizados e pendentes de disposición, e outros 200 millóns pola formalización de préstamos a longo prazo.

Estes recursos de liquidez, que garanten a solvencia da Comunidade Autónoma nos vindeiros meses, son a maiores dos recursos provintes do sistema de financiación autonómica e do Fondo de Facilidade Financeira.

Obxectivo: situar o tempo medio de pago nun máximo de 15 días
Con este plan de liquidez, o obxectivo da Xunta de Galicia é pechar o mes de marzo cun tempo medio de pago, que actualmente é de 13,7 dias, nun máximo de 15 días, o que volverá situar a Galicia entre as comunidades que mellor pagan aos seus provedores, como xa sucedeu nos exercicios 2018 e 2019.

Hai que ter en conta que a Administración galega é a principal entidade pagadora da Comunidade Autónoma. No que vai de ano, a Xunta de Galicia xa aboou un total de 193.145 facturas por un importe de algo máis de 941 millóns de euros.

De feito, o obxectivo é que esta disposición de liquidez da Xunta de Galicia se traslade ao tecido produtivo galego, posto que o número de provedores actual da Administración autonómica oscila entre os 4.478 e os 4.642, dos que más de 2.300 son pemes (sociedades de responsabilidade limitada); 953 autónomos, 611 sociedades anónimas e 232 entidades sociais sen ánimo de lucro (na súa maioría entidades). Ademais, a través dos catro colexios farmacéuticos provincias canalízase o pago a máis de 1.300 oficinas de farmacia.