Volver ao contido

Notas de prensa

A Xunta unifica nun só organismo os seus servizos tecnolóxicos coa integración do CIXTEC na Amtega

A Xunta unifica nun só organismo os seus servizos tecnolóxicos coa integración do CIXTEC na Amtega

  • Modifícase tamén a estrutura da Axencia para executar importantes proxectos de transformación dixital e coordinar a nova Estratexia dixital de Galicia 2030
  • Esta integración enmárcase na política de simplificación administrativa posta en marcha polo Goberno galego para optimizar os recursos públicos

Santiago de Compostela, 21 de xaneiro de 2021.- O Consello da Xunta de Galicia acordou hoxe o inicio do proceso para unificar nun único organismo todos os seus servizos tecnolóxicos, coa supresión do Centro Informático para a Xestión Tributaria Económico-Financeira e Contable (CIXTEC) e a súa integración na Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega). Así mesmo, modifícanse os estatutos da Amtega coa finalidade de integrar as funcións que viña desempeñando o CIXTEC e de adaptar a súa estrutura aos novos retos da transformación dixital.


A integración do CIXTEC na Amtega enmárcase na política de simplificación administrativa posta en marcha polo Goberno galego e responde á necesidade de constituír unha entidade única de xestión das tecnoloxías da información e comunicación de carácter público para optimizar a eficiencia na prestación dos servizos públicos, a eficacia na xestión e lograr a máxima coordinación das distintas unidades administrativas.

 

Así, con este proceso avánzase na consolidación das capacidades dixitais da Administración autonómica, co obxectivo de ganar en eficiencia e de reforzar a estrutura do organismo que terá ao seu cargo a execución de importantes proxectos de transformación dixital na Comunidade, así como a coordinación da nova Estratexia dixital de Galicia 2030 (EDG2030).
 
Nova estrutura da Amtega
A estrutura da Amtega contará con dúas novas direccións de área. Por un lado, a Área de Transformación Dixital da Facenda Autonómica, que integrará o desenvolvemento e soporte das diferentes plataformas e sistemas de información que dan servizo á Facenda pública, así como á Axencia Tributaria de Galicia; polo outro, a Área de Planificación e Estratexia coordinará e avaliará a execución progresiva da nova Estratexia dixital galega, reforzando os mecanismos de cogobernanza co ecosistema dixital e a identificación das oportunidades de innovación tecnolóxica na Comunidade.
 
Ademais, a Área de Infraestruturas e Telecomunicacións pasa a chamarse Área de Infraestruturas e Seguridade e créase unha subárea que terá como misión reforzar os mecanismos de ciberseguridade e garantir os dereitos de uso seguro dos datos.
 
A Área de Modernización das Administracións Públicas será a Área de Administración Dixital e terá como obxectivo prioritario avanzar no proceso de dixitalización e automatización da Administración coa incorporación de tecnoloxías avanzadas.

 

Por último,  a Área de Sociedade Dixital reforza as súas capacidades coa creación do Departamento de Conectividade e Inclusión Dixital e coa incorporación de obxectivos estratéxicos para promover o talento dixital en Galicia, así como a incorporación de tecnoloxías disruptivas como a intelixencia artificial.