Volver ao contido

Notas de prensa

A Xunta universalizará a posibilidade de aboar on line todas as xestións coa ATRIGA

A Xunta universalizará a posibilidade de aboar on line todas as xestións coa ATRIGA

  • Este método de pago é rápido, sinxelo e seguro, e aforra tempo aos cidadáns, que xa que non terán que desprazarse ás oficinas bancarias
  • Esta medida aforrará de media 75 euros ao contribuínte, ao evitarlle custos derivados de xestión, de desprazamento e de tempo de falta no seu traballo

O Consello da Xunta deu hoxe luz verde a un decreto a través do cal a Axencia Tributaria de Galicia (ATRIGA) universalizará a posibilidade de que calquera cidadán poida aboar on line, a través da Oficina Virtual Tributaria e cunha tarxeta de crédito ou débito, todos os ingresos xestionados pola mesma, polo que non terán que desprazarse ás oficinas bancarias, co conseguinte aforro de tempo e diñeiro.

Este novo decreto supón modificar o Decreto 104/2006, do 22 de xuño, polo que se regula a colaboración das entidades de crédito na recadación dos ingresos xestionados pola ATRIGA, co obxectivo de implantar o sistema de pago por tarxeta mediante TPV.

Trátase dun método rápido, sinxelo e seguro, e cun evidente aforro de custos, en concreto 75 euros de media por cada xestión tributaria, no caso de empregar un solicitante a modalidade telemática fronte á presencial, segundo a ‘Guía para a análise do impacto normativo', do Ministerio de Política Territorial e Función Pública. Neste aforro compútanse posibles custos derivados de xestión, desprazamento e de tempo de ausencia na súa actividade laboral.

Ademais, este instrumento presenta como vantaxes a autenticidade, confidencialidade e integridade mediante o establecemento de conexións seguras cos servidores web das entidades financeiras para realizar os pagos, ademais da plena dispoñibilidade para o seu acceso para todos os contribuíntes.

Novo aprazamento de impostos
A Xunta vén de ampliar o aprazamento dos principais impostos autonómicos (Imposto sobre Transmisións Patrimoniais e Actos Xurídicos Documentados, Imposto sobre Sucesións e Doazóns e Tributos sobre o Xogo) ata o vindeiro 2 de novembro, para dar máis liquidez a cidadáns e empresas. Isto supón ampliar en catro meses o actual aprazamento.
Segundo os cálculos da Axencia Tributaria de Galicia, esta medida está a beneficiar cada mes a unhas 32.000 persoas e empresas, e supón que a facenda autonómica deixa de ingresar uns 35 millóns de euros cada mes.