Volver ao contido

Notas de prensa

Os ingresos tributarios da Comunidade Autónoma medraron un 1% en 2019 pese ao descenso no IVE polo impago do Goberno

Os ingresos tributarios da Comunidade Autónoma medraron un 1% en 2019 pese ao descenso no IVE polo impago do Goberno

  • Os ingresos tributarios da Administración autonómica situáronse en 6.076 millóns
  • Nos principais impostos, o maior incremento rexistrouse no IRPF (un 8,8%) grazas á evolución positiva do mercado laboral e dos salarios
  • Dous impostos estatais (IRPF e IVE) concentran máis do 70% do ingreso tributario
  • O principal descenso nos ingresos tributarios produciuse no Imposto sobre Sucesións e Doazóns, que baixa un 34%
  • O IGE publica hoxe a Explotación estatística da información tributaria de 2019

Santiago de Compostela, 30 de abril de 2020.- Os ingresos tributarios da Comunidade Autónoma no exercicio 2019 situáronse en 6.076 millóns de euros, segundo reflicte a ‘Explotación estatística da información tributaria' publicada hoxe polo Instituto Galego de Estatística (IGE). Isto supón un incremento do 1% respecto ao 2018, pese ao descenso no ingreso do Imposto sobre Valor Engadido (IVE) polo impago de 204 millóns que aínda mantén o Goberno central.

En concreto, o capítulo de impostos directos aumentou un 4,9% ata chegar aos 2.486 millóns, mentres que o capítulo de impostos indirectos reduciuse un 1,7% e situouse nos 3.401 millóns. Finalmente, o capítulo de taxas e outros ingresos mantívose estable –medrou un 1%- e ascendeu a 189 millóns. Na liña de anos anteriores, dous impostos estatais (IRPF e IVE) concentran máis do 70% do ingreso tributario de Galicia.

En canto á evolución dos principais impostos, o maior incremento rexistrouse no IRPF –cun crecemento do 8,8%- grazas á evolución positiva que tiveron o mercado laboral e os salarios durante o pasado ano. De feito, o IRPF foi en 2019 o tributo que realizou maior achega á Comunidade Autónoma, un total de 2.249 millóns de euros, mentres que en 2018 fora o IVE.

Pola contra, o IVE rexistrou en 2019 un descenso do 3,6% e reduciu o seu ingreso ata os 2.043 millóns de euros. Pese ao incremento do consumo rexistrado o pasado exercicio, este imposto tivo unha evolución negativa polo impago da mensualidade do ano 2017 que o Goberno central aínda non aboou ás comunidades autónomas, e que no caso de Galicia representa unha débeda de 204 millóns de euros.

Baixada do Imposto sobre Sucesións
En termos porcentuais, o maior descenso nos principais tributos que ingresa a Comunidade Autónoma produciuse no Imposto sobre Sucesións e Doazóns, que baixou un 34% polo pleno efecto da rebaixa fiscal aprobada pola Xunta de Galicia e unha vez que en 2018 rematou o efecto do plan especial da loita contra a fraude iniciado en 2017. En contraste, o ingreso do Imposto sobre Transmisións Patrimoniais e Actos Xurídicos Documentados medrou un 7,8% por mor da evolución positiva do mercado inmobiliario o pasado ano.