Volver ao contido

Notas de prensa

Os Orzamentos da Xunta para 2021 destinan catro de cada cinco euros a gasto social, emprego e reactivación económica

Os Orzamentos da Xunta para 2021 destinan catro de cada cinco euros a gasto social, emprego e reactivación económica

  • O conselleiro de Facenda e Administración Pública entregou hoxe no Parlamento o proxecto de Lei de Orzamentos e o de Medidas Fiscais e Administrativas
  • O gasto per cápita nas provincias de Lugo (4.704€) e Ourense (4.461€) mantense por riba do de A Coruña (3.633€) e Pontevedra (3.439€)
  • En 2021 a Xunta ampliará o volume de beneficios fiscais ata os 472 millóns de euros
  • As contas do ano que vén non suben impostos nin ás familias nin ás empresas e consolidan as rebaixas fiscais aprobadas nos últimos anos
  • Os Orzamentos de 2021 inclúen catro novos fondos para seguir combatendo a pandemia e impulsar a dinamización económica
  • Créase o Fondo Consenso para financiar os proxectos de investimento que se acaden na Comisión de Reactivación, no marco do Diálogo Social e polo Comité de Expertos Económicos

Santiago de Compostela, 23 de novembro de 2020.- Os Orzamentos da Xunta para 2021 destinan catro de cada cinco euros a gasto social, emprego e reactivación económica coa finalidade de seguir combatendo a pandemia, impulsar a dinamización da economía e atender as necesidades das familias, pemes e autónomos. Así o recolle o proxecto de Lei de Orzamentos para 2021 que foi entregado hoxe no Parlamento polo conselleiro de Facenda e Administración Pública, Valeriano Martínez, xunto ao proxecto de Lei de Medidas Fiscais e Administrativas.

Os Orzamentos do vindeiro ano esgotan o teito de gasto e acadan os 11.563 millóns de euros, aos que hai que engadir 101 millóns no capítulo VIII de instrumentos financeiros. Ademais, o gasto en xuros de débeda sitúase por debaixo dos 100 millóns de euros, o máis baixo desde hai 25 anos para poder gastar máis nas prioridades dos cidadáns.

Territorialización do gasto
Estes son ademais, os presupostos máis investidores da historia con 2.592 millóns de euros o que permite reforzar as actuacións en todos os territorios e contribuír ao reequilibrio territorial. Así, en canto á distribución territorial, o maior investimento por habitante volverá producirse nas provincias interiores: Lugo, onde a Xunta destinará 4.704 euros per cápita, e Ourense con 4.461 euros por habitante. Pola contra, nas provincias atlánticas, A Coruña recibirá 3.633 euros per cápita e Pontevedra 3.439 euros por habitante. Respecto ao volume de gasto, as provincias que reciben maior volume son A Coruña e Pontevedra, con 4.081 e 3.246 millóns de euros respectivamente, mentres que Lugo recibirá 1.544 millóns, e Ourense, 1.369.

Beneficios fiscais
Os beneficios fiscais inclúen todos aqueles ingresos que a Xunta de Galicia decide non percibir para que revertan principalmente ás familias e aos fogares. En 2021 a Xunta ampliará de novo o volume de beneficios fiscais ata os 472 millóns de euros, o que supón un incremento de 24 millóns con respecto ao ano 2020. Segundo explicou o conselleiro de Facenda e Administración Pública, esta cifra ten unha compoñente cualitativa moi relevante, posto que case o 95% destes beneficios fiscais son de carácter social.
Ademais, en materia de política fiscal, a Xunta non subirá os impostos nin ás familias nin ás empresas no 2021 e consolidará as rebaixas fiscais aprobadas nos últimos anos. Deste xeito, o vindeiro ano, máis de 115.000 familias beneficiaranse de novo das rebaixas de impostos aprobadas polo Goberno galego desde 2016.

Priorízase o gasto social e o emprego
As contas do ano que vén inclúen o maior gasto social da historia da Galicia que ascende a 8.540 millóns de euros, 864 millóns máis que no vixente exercicio para reforzar unha vez máis a sanidade, a educación, as políticas sociais e o emprego.

Nesta liña, en canto ao reparto por departamentos, priorízanse aqueles directamente relacionados co gasto social, o emprego e a reactivación económica. Así, o incremento da Consellería de Sanidade é de 478 millóns e acada a cifra récord de 4.587 millóns de euros. En Cultura, Educación e Universidade o aumento é de 167, ata rozar os 2.700 millóns.

O departamento de Política Social sube en 120 millóns, ata practicamente os 900 millóns de euros; a Consellería de Emprego e Igualdade suma case 100 millóns de euros máis ao seu orzamento e acada os 400; e a Vicepresidencia 2º e Consellería de Economía, Innovación e Empresa inclúe 108 millóns de euros de incremento e chega aos 373 millóns aos que hai que engadir 82 millóns do aumento do capítulo VIII do IGAPE. Estes cinco departamentos engloban 8.951 millóns de euros, case 1.000 millóns de euros máis que este ano.

Ademais, increméntase en 179 millóns o apartado de gastos de diversas consellerías porque inclúe, entre outras partidas, unha reserva estratéxica de 33 millóns de euros e 115 millóns de euros para o Fondo Consenso.
Catro novos fondos
A principal novidade dos Orzamentos de 2021 é que Galicia disporá de catro fondos que lle permitirán contar á súa vez con novos instrumentos para acometer os retos aos que se ten que afrontar a comunidade galega.

Estes instrumentos son o Fondo Covid dotado con 503 millóns de euros destinados a seguir combatendo a pandemia , o fondo REACT-EU que conta cun importe de 430 millóns para impulsar a reactivación económica e o emprego; e o Fondo de Garantía de Infraestruturas Sanitarias, de carácter plurianual que está dotado con 105 millóns de euros no ano 2021 para financiar durante toda a lexislatura a construción e reforma de infraestruturas sanitarias e mellorar o grandes centros hospitalarios, os hospitais comarcais e os novos Centros Integrais de Saúde en atención primaria.

Ademais, como novidade, créase por primeira vez o Fondo Consenso cunha dotación do 1% do gasto non financeiro dos Orzamentos (115 millóns de euros) que terá a finalidade de financiar os proxectos de investimento acordados no marco da Comisión parlamentaria de reactivación económica, no marco do Diálogo Social e nas recomendacións do Comité de Expertos Económicos de Galicia.

En definitiva, son uns orzamentos extraordinarios, os máis altos da historia, que buscan trasladar ás persoas e ás empresas unha política útil para atender aos cidadáns cos recursos necesarios e sen perder o rigor financeiro. #galicia_reactívase