Volver ao contido

Notas de prensa

Máis de 1.100 funcionarios da Xunta toman posesión dunha nova praza que se adapta mellor as súas preferencias

Máis de 1.100 funcionarios da Xunta toman posesión dunha nova praza que se adapta mellor as súas preferencias

  • Todos estes empregados públicos participaron de xeito voluntario no maior concurso de traslados da historia da Autonomía
  • Con este proceso, a Xunta cobre os postos de traballo vacantes e garante o dereito á mobilidade dos traballadores, facilitando o cambio de praza
  • Estes concursos tamén permiten acceder a unha praza de maior nivel e retribución
  • Case 4.800 empregados públicos obtiveron unha nova praza dende 2009

 

Santiago, 9 de outubro de 2016.- Un total de 1.127 funcionarios da Xunta de Galicia comezaron a tomar posesión esta semana dunha nova praza que se adapta mellor as súas preferencias, xa que se beneficiaron do concurso de traslados posto en marcha polo Goberno galego no eido da administración xeral, o máis importante da historia da  Autonomía polo número de prazas adxudicadas.

 

O concurso de traslados é un procedemento mediante o cal a Administración cobre os postos de traballo vacantes, para que o persoal funcionario ou laboral poida cambiar voluntariamente de posto de traballo a outro que se adapte mellor ás súas preferencias laborais ou familiares. Así, garántese o dereito á mobilidade dos empregados públicos sen que supoña un aumento de custos.

 

Neste proceso -convocado en maio de 2015- a Xunta ofertou 1.872 prazas e o número de solicitudes chegou a 2.791, posto que unha mesma persoa pode solicitar máis dunha praza. A oferta afectou aos cinco grupos do corpo da Administración Xeral: o corpo Superior (A1), o corpo de Xestión (A2), o de Administrativos (C1), o corpo Auxiliar (C2) e a Agrupación Profesional –antigo corpo Subalterno-.

 

A través do concurso de traslados, un empregado público pode obter unha praza nun lugar máis próximo á súa zona de residencia, reducindo desprazamentos diarios e favorecendo a conciliación da súa vida familiar e laboral. Tamén permite mellorar a progresión profesional dos traballadores, posto que os participantes nos concursos de traslados poden acceder a unha praza de maior nivel e, en consecuencia, a unha maior retribución salarial.

 

Case 4.800 prazas

Dende o ano 2009, o Goberno galego puxo en marcha 14 concursos de traslados para persoal funcionario e laboral, co obxectivo de facilitar que os traballadores da Xunta poidan acceder a unha praza que se adapta mellor ás súas preferencias. En total, 4.759 empregados públicos accederon a unha nova praza dentro da Administración galega.

 

Estes concursos beneficiaron aos funcionarios da Administración xeral e tamén aos das escalas de axentes forestais, veterinarios, estatísticos, gardacostas, consumo, administración especial, informática e finanzas. Ademais, leváronse a cabo dous concursos para persoal laboral, un para o grupo V e outro para o persoal dos grupos I, II, III e IV.