Volver ao contido

Notas de prensa

Mañá entran en funcionamento as novas dependencias da Axencia Tributaria de Galicia na cidade de Ourense

Mañá entran en funcionamento as novas dependencias da Axencia Tributaria de Galicia na cidade de Ourense

  • A Xunta investiu 425.000 euros na reforma completa do inmoble, propiedade da Comunidade Autónoma e situado na rúa Progreso
  • Conta con 1.089 metros cadrados e vai albergar a 60 empregados públicos
  • Esta actuación forma parte do Plan de Alugueiros cero da Xunta, que aposta por optimizar o patrimonio propio da Administración

 

Ourense, 1 de outubro de 2017.- As novas dependencias da delegación en Ourense da Axencia Tributaria de Galicia entrarán en funcionamento mañá luns, e están situadas no número 38 da rúa Progreso. Ata o de agora, este servizo prestábase nun local en réxime de alugueiro na rúa Xoán XXIII, polo que esta actuación permitirá á Xunta optimizar o patrimonio propio da Comunidade Autónoma e reducir o gasto en alugueiros.

 

Para isto, a Consellería de Facenda investiu máis de 425.000 euros na reforma e acondicionamento dun local de 1.089 metros cadrados propiedade da Administración galega, e que albergará a preto de 60 empregados públicos da delegación en Ourense da Axencia Tributaria de Galicia.

 

A obra, que incluíu a instalación dun ascensor para facer totalmente accesible o inmoble, foi licitada no pasado mes de setembro por un orzamento máximo de 564.118,37 euros, e a adxudicataria foi a empresa Misturas SA.

 

Menos alugueiros

O acondicionamento deste inmoble permite optimizar un espazo que é propiedade da Comunidade Autónoma e aforrar o alugueiro do inmoble no que ata o de agora prestaba servizo a Axencia Tributaria de Galicia na cidade de Ourense, situado na rúa Xoán XXIII.

 

Esta actuación forma parte do Plan de Alugueiros cero da Xunta de Galicia, que aposta por poñer en valor o patrimonio propio da Xunta reducindo á súa vez o gasto por tal concepto. De feito, esta diminución do gasto en alugueiros é a que permite afrontar as reformas dos inmobles que xa forman parte do patrimonio da Administración galega.