Volver ao contido

Notas de prensa

Máis de 1.700 empregados públicos da Xunta participarán nas probas para ascender de categoría

Máis de 1.700 empregados públicos da Xunta participarán nas probas para ascender de categoría

  • Trátase de 350 prazas de promoción interna
  • As listaxes definitivas de admitidos e excluídos publicaranse no DOG o vindeiro martes, 5 de febreiro
  • Son oposicións reservadas para persoas que xa teñen praza na Administración

Santiago de Compostela, 3 de febreiro de 2019.- Un total de 1.745 empregados públicos da Xunta participarán nas oposicións de promoción interna para lograr un ascenso de categoría. As 1.745 persoas admitidas nestes procesos aspiran a unha das 350 prazas que oferta a Administración galega.

O vindeiro martes, 5 de febreiro, está prevista a publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG) das resolucións da Dirección Xeral de Función Pública pola que se aproban e se fan públicas as listaxes definitivas de persoas admitidas e excluídas nestas oposicións convocadas no DOG do oito de marzo de 2018.

As oposicións de promoción interna están reservadas a empregados públicos que xa teñen praza na Administración, e que queren acceder a un posto de maior categoría ou a un posto doutra categoría que se adapte mellor ás súas preferencias, sempre que reúnan os requisitos e superen o correspondente proceso selectivo.

En concreto, nestes procesos selectivos a Xunta de Galicia ofertou 44 prazas para o corpo superior A1 con 66 admitidos; 70 prazas para o corpo de xestión A2 con 462 persoas admitidas; 130 prazas para o corpo administrativo C1 con 1.040 aspirantes admitidos; e finalmente 106 prazas para o corpo auxiliar C2 con un total de 177 admitidos.

As relacións definitivas de persoas admitidas e excluídas, poderanse consultar no DOG e portal web corporativo www.funcionpublica.xunta.gal. No caso da listaxe de persoas excluídas, con indicación da causa determinante da súa exclusión, figurará como anexo das resolucións que se publicarán no DOG.

Novas oposicións
O Goberno galego aprobou en decembro a oferta de emprego público da Administración Xeral da Xunta de Galicia para o ano 2018 cun total de 2.225 prazas, o que supón triplicar o número de prazas ofertadas no anterior exercicio. Ademais, aprobará xa neste primeiro trimestre a Oferta de Emprego Público correspondente ao ano 2019.

O aumento de prazas ofertadas garante a posibilidade de que calquera persoa que cumpra os requisitos poida opositar para traballar na Xunta de Galicia, e o dereito á promoción profesional dos empregados públicos que xa están traballando na Administración galega.