Volver ao contido

Notas de prensa

Máis de 108.000 persoas beneficiáronse en Galicia das actuacións cofinanciadas polo FSE desde o inicio do programa operativo 2014-2020

Máis de 108.000 persoas beneficiáronse en Galicia das actuacións cofinanciadas polo FSE desde o inicio do programa operativo 2014-2020

  • O Programa Operativo 2014-2020 aprobou ata finais de 2018 un total de 120 operacións por importe de case 292 millóns de euros nos tres eixes de intervención
  • A través deste programa desenvolvéronse actividades dirixidas a persoas desempregadas ou en risco de exclusión social e á mellora da aprendizaxe e do rendemento

Santiago de Compostela, 21 de xuño de 2019.- Máis de 108.000 persoas beneficiáronse en Galicia ata finais de 2018 das actuacións cofinanciadas polo Fondo Social Europeo (FSE) dentro do Programa Operativo 2014-2020. Estas actuacións teñen como obxectivo apoiar o emprego e a formación das persoas, e loitar contra a pobreza e a discriminación. Así o recolle o informe anual de execución 2018, que foi debatido e aprobado hoxe no cadro do comité de seguimento de dito programa operativo, celebrado en Santiago.

Desde o inicio do período de programación e ata o 31 de decembro de 2018, aprobáronse 120 operacións, por importe de case 292 millóns de euros -nos tres eixes de intervención-, o que supón máis do 72% dos preto de 403 millóns programados entre 2014 e 2020. O grao de execución financeira supón na actualidade en torno ao 50% do programa.

O avance no desenvolvemento do Programa permitiu cumprir coa regra n+3, así como co exame do chamado marco de rendemento, superando con éxito os obxectivos previstos nos eidos do emprego, a educación, a inclusión social e o fomento da igualdade de oportunidades.

Entre as actuacións desenvolvidas, no eixe 1 –centrado na mellora da calidade do emprego- destacan as axudas ás empresas galegas para a formación de persoas traballadoras ocupadas en sectores estratéxicos (284 cursos con 2.324 prazas); o fomento do emprendemento feminino, con 72 proxectos subvencionados e máis de 100 postos de traballo creados; o apoio ao fomento da conciliación da vida laboral e familiar, con axudas a máis de 3.600 familias; e da corresponsabilidade, con medidas de redución de xornadas para coidado de fillos menores dirixidas principalmente aos homes. Destaca o aumento nun 200% das axudas ao fomento do emprego en cooperativas e sociedades laborais.

No eixe 2, para a promoción da inclusión social e a loita contra a pobreza e calquera forma de discriminación, financiáronse 124 entidades de iniciativa social para promover actuacións de servizos sociais comunitarios e de apoio á inclusión, e outras 119 para formación adaptada, incluíndo competencias clave, alfabetización dixital e cursos para a poboación inmigrante.

Tamén se apoiaron proxectos a través das entidades locais con participación de case 2.400 persoas. No 2018 tamén se desenvolveron programas destinados a aumentar as habilidades sociolaborais dos menores en risco social e aumentar a súa empregabilidade. Nos cursos de formación os asistentes pasaron de 2.000.

Destináronse igualmente axudas para a adquisición de servizos de promoción da autonomía persoal para persoas con discapacidade encamiñados á mellora da súa calidade de vida e apoiáronse proxectos de atención integral para persoas en situación de explotación sexual, atendéndose a medio millar de mulleres.

No referido ao investimento en educación -eixe 3-, leváronse a cabo 223 programas de mellora da aprendizaxe e do rendemento e 152 ciclos formativos de grao medio de formación profesional, coa finalidade de seguir reducindo a taxa de abandono escolar prematuro, que en 2018 situouse no 14,3%. Por outra parte, para mellorar a formación das persoas traballadoras, ofertáronse 2.067 prazas de validación e acreditación de competencias profesionais. Dous de cada tres participantes obtiveron un certificado de profesionalidade que lles habilita para desempeñar unha ocupación.

Asistentes
A reunión contou coa participación de representantes da Comisión Europea e da Unidade Administradora do Fondo Social Europeo (UAFSE) do Ministerio de Traballo, Migracións e Seguridade Social como Autoridade de xestión do programa. Por parte da Xunta de Galicia, presidiu este foro o director xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos, David Cabañó Fernández, responsable do organismo intermedio. Asistiron tamén representantes de diferentes departamentos da Administración galega que participan na xestión do FSE e das organizacións económicas e sociais con máis representatividade en Galicia.

Con motivo da celebración do comité, os participantes realizaron unha visita ao Proxecto Arco da Vella do Programa Vagalume, un centro de día de atención especializada a mulleres obxecto de trata e/ou que exercen a prostitución, posto en marcha por Cáritas Diocesana de Santiago de Compostela e as Irmás Oblatas.

A celebración deste comité enmárcase nunha actuación cofinanciada polo Fondo Social Europeo no marco do programa operativo FSE de Galicia 2014-2020, con cargo ao eixe prioritario de asistencia técnica deste fondo, cunha taxa de cofinanciamento do 80%. "O FSE inviste no teu futuro".