Volver ao contido

Notas de prensa

O conselleiro de Facenda adiántalle aos sindicatos que a Xunta aumentará máis dun 15% os recursos destinados ao emprego

O conselleiro de Facenda adiántalle aos sindicatos que a Xunta aumentará máis dun 15% os recursos destinados ao emprego

  • Valeriano Martínez confirmoulles ademais que a Xunta reanudará en 2017 o complemento específico nas pagas extras dos empregados públicos
  • Tamén trasladou o compromiso do Goberno galego de manter a política de concertación social
  • Lembrou que se teñen acadado máis de dez acordos cos sindicatos que permitiron avanzar na mellora de condicións laborais dos empregados públicos
  • O conselleiro de Facenda reuniuse hoxe coas centrais sindicais para presentarlles as liñas básicas dos Orzamentos para 2017

 

Santiago, 30 de novembro de 2016.- O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, informou hoxe aos sindicatos CC.OO. UXT e CIG que nos Orzamentos para 2017 a Xunta de Galicia vai incrementar máis dun 15% os recursos destinados ao emprego, co obxectivo de crear máis e mellores postos de traballo.

 

Neste sentido, lembrou que no último ano o número de persoas ocupadas en Galicia medrou en case 19.000, pero resaltou que para o Goberno galego este descenso "non resulta suficiente". Por iso, o titular de Facenda destacou que o obxectivo da Administración autonómica pasa por crear en 2017 outros 20.000 empregos.

 

Valeriano Martínez, que se reuniu coas tres forzas sindicais para presentarlles as liñas básicas do proxecto de Orzamentos da Comunidade Autónoma para 2017, trasladoulles ademais que a Xunta reanudará en 2017 o pago do complemento específico nas pagas extras dos empregados públicos.

 

"Cumprimos o noso compromiso adiantando nun ano a previsión inicial, e deste xeito quedan cancelados os axustes salariais autonómicos de carácter xeral", recalcou.

 

Acordos cos sindicatos

Na reunión mantida esta tarde en Santiago, o titular de Facenda subliñou ademais o compromiso do Goberno galego de manter a política de concertación social coas principais organizacións sindicais, "e se é posible, reforzala".

 

Así, explicou que no último ano acadáronse máis de dez acordos cos representantes dos traballadores, que permitiron avanzar na mellora das condicións laborais dos empregados públicos, en eidos coma o retributivo ou a conciliación da vida laboral e familiar. "É este un camiño no que queremos seguir avanzando", apuntou.