Volver ao contido

Notas de prensa

O conselleiro de Facenda anuncia a convocatoria de 33 novas prazas de emprego fixo para a discapacidade intelectual

O conselleiro de Facenda anuncia a convocatoria de 33 novas prazas de emprego fixo para a discapacidade intelectual

  • Dezaseis prazas corresponderán á Administración Xeral (ordenanzas e auxiliares) e 17 serán para o Sergas (celadores)
  • Valeriano Martínez supervisou hoxe en Santiago as primeiras oposicións reservadas exclusivamente á discapacidade intelectual
  • Adiantou tamén que a Xunta "creará unha lista de emprego para facer substitucións" reservada a este colectivoPara desenvolver a proba celebrada hoxe cóntase cun operativo de 75 persoas e cunha ambulancia medicalizada dotada con persoal especializado
  • O conselleiro, que apostou por unha Administración "inclusiva", tivo palabras de agradecemento pola colaboración e axuda no proceso de Down Galicia e Fademga

Santiago, 8 de abril de 2017.- O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, anunciou hoxe que a Xunta convocará novas oposicións para cubrir 33 prazas reservadas a persoas con discapacidade intelectual. En concreto, 16 corresponderán ao eido da Administración Xeral (12 de ordenanza e catro de auxiliar) e as 17 restantes serán para o Sergas, neste caso todas prazas de celador.

Valeriano Martínez, que acudiu esta mañá ao Palacio de Congresos e Exposicións de Santiago onde se desenvolveron as primeiras oposicións da historia da Xunta de Galicia reservadas exclusivamente a persoas con discapacidade intelectual, adiantou tamén que a Administración autonómica vai "crear unha lista de emprego para facer substitucións" reservada a este colectivo.  

Respecto ás novas 33 prazas, o conselleiro explicou que as 16 da Administración Xeral convocaranse en canto acaben as oposicións actualmente en marcha. En canto as 17 do Sergas, a previsión da convocatoria é  neste primeiro semestre do ano.

Engadiu que todo isto é así porque desde a Xunta "estamos convencidos de que temos que facilitar a inserción das persoas con discapacidade intelectual". Neste sentido, argumentou que a Xunta ten que ser unha Administración "inclusiva" e que "oposicións como as de hoxe son un acto de normalidade".

Un operativo de 75 persoas
O conselleiro salientou igualmente o operativo posto en marcha pola Xunta hoxe para que estas oposicións transcorran con normalidade. Así, informou que son 75 as persoas que participan, incluídos psicólogos, enfermeiros, coidadores e persoal especializado. Tamén se contou cunha ambulancia medicalizada con persoal médico especializado, e en global, segundo explicou, "a Xunta triplicou o persoal respecto a un proceso selectivo ordinario".

Unha vez superado o exame de hoxe —no que houbo 352 participantes, o 82% das convocadas—, as que o superen farán a proba en galego e, a continuación, será a fase de concurso, na que se valorarán os méritos dos participantes. A previsión é que as seis persoas que obteñan a mellor puntuación nesta oposición pasen a ser persoal fixo da Xunta este mesmo ano.

Valeriano Martínez lembrou que o proceso que agora está en marcha comezou coa sinatura dun convenio con Down Galicia e Fademga, para pór en marcha estas oposicións, que foron convocadas por primeira vez en 2016 e agradeceu especialmente a estas entidades a súa colaboración e axuda "para, entre todos, chegar ata o día de hoxe", precisou.