Volver ao contido

Notas de prensa

O conselleiro de Facenda anuncia que a oferta de emprego público da Xunta terá por primeira vez prazas reservadas para a discapacidade intelectual

O conselleiro de Facenda anuncia que a oferta de emprego público da Xunta terá por primeira vez prazas reservadas para a discapacidade intelectual

  • Valeriano Martínez presidiu en Santiago o Consello Asesor para a integración da discapacidade na Función Pública galega
  • Explicou que na OEP de 2015 vaise establecer unha quenda separada na realización dos procesos selectivos
  • Subliñou a obriga que teñen as administracións de asegurar a efectiva inserción laboral dos distintos tipos de discapacidade
  • Destacou o incremento da reserva da cota nas ofertas de emprego público a unha porcentaxe non inferior ao 7%

Santiago, 3 de marzo de 2015.- O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, anunciou hoxe que a Oferta de Emprego Público (OEP) da Xunta de Galicia para 2015 incluirá por primeira vez un espazo específico para a discapacidade intelectual, polo que haberá prazas reservadas para as persoas con este tipo de discapacidade.

O titular de Facenda, que presidiu hoxe en Santiago o Consello Asesor para a integración da discapacidade na Función Pública galega, explicou que na OEP 2015 vaise establecer unha quenda separada na realización dos correspondentes procesos selectivos.

Durante a súa intervención, Valeriano Martínez subliñou que neste ámbito é necesario complementar as cotas de reserva para persoas con discapacidade con outras medidas que permitan a asegurar a efectiva inserción laboral dos distintos tipos de discapacidade.

Así, o conselleiro salientou que a súa inserción laboral constitúe unha vía fundamental para alcanzar unha plena integración social, polo que é necesario adoptar as medidas necesarias para incrementar o emprego destas persoas, aumentar as súas posibilidades de traballo e impedir calquera forma de discriminación.

Valeriano Martínez explicou que todas as administracións teñen a obriga de ser suxeitos activos na inserción laboral deste colectivo, que conta cada vez cunha mellor formación. E lembrou, entre outras medidas, o incremento da reserva da cota nas ofertas de emprego público a unha porcentaxe non inferior ao 7%; ou o feito de que dende o ano 2011 nos programas das probas selectivas para o acceso ao emprego público se incorporan materias específicas relativas ás persoas con discapacidade.

A finalidade do Consello Asesor é a de estudar e promover as iniciativas que se desenvolven para acadar unha inserción laboral efectiva das persoas con discapacidade na Administración Pública galega. Deste órgano forman parte representantes da Administración, das organizacións sindicais e de colectivos da discapacidade.