Volver ao contido

Notas de prensa

O conselleiro de Facenda avanza que en 2017 Galicia consolidou a recuperación económica e reforzou a súa solvencia

O conselleiro de Facenda avanza que en 2017 Galicia consolidou a recuperación económica e reforzou a súa solvencia

 

  • Valeriano Martínez confirmou que Galicia volveu cumprir os obxectivos de déficit e débeda, ao tempo que axilizou os pagos aos provedores
  • "A estabilidade orzamentaria de Galicia, unida á estabilidade institucional, dá froitos", sinalou nunha comparecencia hoxe no Parlamento
  • A mellor situación económica permitiu mellorar en 30 millóns a previsión de ingresos por tributos propios e cedidos, sobre todo no Imposto sobre Transmisións
  • Case 115.000 persoas beneficiáronse das rebaixas fiscais aprobadas pola Xunta
  • Galicia obtivo un ingreso de 18 millóns pola boa xestión dos fondos europeos e mantívose á cabeza das comunidades autónomas en esforzo investidor
  • Para 2018 o obxectivo é ratificar a consolidación fiscal técnica obtida no último ano

 

Santiago de Compostela, 23 de xaneiro de 2018.- O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, avanzou hoxe no Parlamento que Galicia consolidou no ano 2017 a recuperación económica e reforzou a súa solvencia, e marcouse como obxectivo para este ano ratificar a consolidación fiscal técnica acadada xa ao peche do último exercicio. Ademais, incidiu en que "a estabilidade orzamentaria de Galicia, unida á estabilidade institucional, dá froitos".

 

Na súa comparecencia na Cámara, o titular de Facenda informou de que, segundo os primeiros datos provisionais elaborados pola Xunta, Galicia volveu cumprir en 2017 os seus obxectivos de déficit público e de débeda aprobados polo Consello de Política Fiscal e Financeira (CPFF), consolidándose un ano máis como a comunidade autónoma de referencia no cumprimento dos obxectivos de estabilidade orzamentaria.

 

En primeiro lugar, Galicia pechou 2017 cunha estimación de déficit do 0,21%, cumprindo o límite do 0,6% fixado para todas as comunidades autónomas, e logrou reducir a menos da metade o seu déficit rexistrado no ano 2016, que foi do 0,58%. Respecto da evolución da débeda, Galicia conseguiu reducir o pasado ano o seu endebedamento por primeira vez dende 2007, ao pechar o exercicio cunha ratio de débeda/PIB do 18,5%, unha décima menos que o ano anterior e cumprindo tamén o obxectivo do 19,0% que fixou o CPFF.

 

O conselleiro de Facenda resaltou que Galicia desde finais do ano 2014 ten a súa débeda totalmente estabilizada, e que é a comunidade que menos incrementou a súa débeda desde 2009, como indican os datos oficiais do Banco de España. Ademais, segundo as primeiras estimacións da Xunta en 2017, Galicia mantivo controlada tamén a regra de gasto.

 

Galicia mantense ademais entre as comunidades autónomas que mellor atenden aos seus provedores. Valeriano Martínez destacou que ao longo de 2017 Galicia mellorou a axilidade nos pagamentos das obrigas, pasando dun período medio de pago de 22,6 días en decembro de 2016 a unha previsión de sete días en decembro de 2017.

 

Máis ingresos
Na súa intervención, o titular de Facenda avanzou que a mellor situación económica de Galicia no último ano permitiu mellorar en 30 millóns de euros a previsión de ingresos por tributos propios e cedidos da Comunidade Autónomas, sobre todo no Imposto sobre Transmisións Patrimoniais e Actos Xurídicos Documentados.

 

Esta boa evolución dos ingresos tamén está a permitir manter as rebaixas fiscais aprobadas pola Xunta de Galicia nos últimos anos. De feito, en 2017 case 115.000 galegos beneficiáronse das rebaixas fiscais aprobadas pola Xunta, no Imposto sobre Sucesións e Doazóns e a través do programa de Impostos Cero no rural.

 

Fondos europeos e esforzo investidor
Valeriano Martínez informou tamén de que 2017 supuxo o peche dos programas operativos FEDER e FSE correspondentes ao marco anterior. Galicia executou os fondos comunitarios en liña coa media da UE "e de forma eficaz e eficiente", cunha execución do 110% no FEDER sobre o gasto público programado e tamén do 110% no FSE, financiando actuacións por 1.400 e 491 millóns de euros, respectivamente. Ademais, a boa xestión da Xunta supuxo un ingreso de 18 millóns derivado da liquidación do saldo pendente do programa operativo.

 

Ao mesmo tempo, Galicia mantívose á cabeza das comunidades en esforzo investidor, dedicando a investimentos cinco puntos máis que a media autonómica. Segundo os últimos datos do Ministerio de Facenda, Galicia é a segunda comunidade que máis recursos dedica a gastos de capital e en 2018 manterase esta aposta.

 

Finalmente, o conselleiro de Facenda remarcou que para 2018 o obxectivo é ratificar a consolidación fiscal técnica. "Seguiremos consolidando un crecemento san, integrador e inclusivo nun escenario de estabilidade que axude a completar a recuperación dos cidadáns de Galicia", concluíu Valeriano Martínez, quen incidiu en que "a estabilidade e a planificación permite que Galicia teña credibilidade e xere confianza".