Volver ao contido

Notas de prensa

O conselleiro de Facenda recalca a importancia de manter un “crecemento san” que aposta polo rigor orzamentario, blinda o gasto social, fai máis investimentos e paga mellor

O conselleiro de Facenda recalca a importancia de manter un "crecemento san" que aposta polo rigor orzamentario, blinda o gasto social, fai máis investimentos e paga mellor

  • Valeriano Martínez inaugurou hoxe as xornadas ‘O gasto público en España: presente e futuro', organizadas por Funcas e a rede de investigadores RIFDE
  • Destacou que o obxectivo é acadar unha evolución positiva da economía "sen poñer en risco o futuro e sen que supoña unha carga para as vindeiras xeracións"

 

Santiago, 27 de maio de 2015.- O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, recalcou hoxe a importancia de manter en Galicia un "crecemento san" que aposta polo rigor orzamentario, permite manter o gasto social e realizar máis investimentos, e ao mesmo tempo serve para que a Xunta de Galicia atenda con máis axilidade aos seus provedores.

 

O titular de Facenda participou hoxe en Santiago na inauguración das xornadas ‘O gasto público en España: presente e futuro', organizadas por Funcas e a Rede de Investigadores en Financiamento Autonómico e Descentralización Financeira en España (RIFDE).

 

Na súa intervención, Valeriano Martínez destacou a relevancia de "acadar a maior eficacia e eficiencia no gasto" por parte das administracións públicas, e insistiu en que se trata dunha cuestión que neste momento está plenamente asumida "por todas as institucións e axentes sociais, e tamén pola cidadanía".

 

A este respecto, o conselleiro explicou que o Goberno galego está a apostar no eido do gasto público por un "crecemento san" que permita acadar unha evolución positiva "da economía galega e do noso benestar sen poñer en risco o noso futuro, e sen que isto supoña unha carga para as xeracións que virán despois de nós".

 

O conselleiro recordou que este modelo de gasto baséase, en primeiro lugar, no rigor orzamentario, a través dun control do déficit público e do endebedamento. Sobre isto, lembrou que en 2014 Galicia foi unha das catro comunidades que cumpriu o obxectivo de estabilidade orzamentaria, e ademais foi a comunidade de réxime común que menos incrementou o seu endebedamento.

 

Ademais, Valeriano Martínez explicou que Galicia está a manter blindado o gasto social, unha "cuestión innegociable" nun territorio que ten un alto nivel de avellentamento e de dispersión xeográfica que repercute no gasto sanitario ou educativo. Así, lembrou que o gasto social xa representa nos Orzamentos da Xunta case o 80% do total de gasto, unha porcentaxe que ten aumentado nos últimos anos.

 

Máis investimentos

Durante a súa intervención, o conselleiro de Facenda sinalou que Galicia tamén está apostando por non penalizar os gastos de capital. "Entendemos que o investimento é unha ferramenta clave para o desenvolvemento territorial, social e económico á cal non podemos renunciar", indicou, lembrando que a Xunta "está a manter un alto nivel de gasto en investimentos". De feito, Galicia é a terceira comunidade autónoma que fixo maior esforzo inversor no 2014, dedicando 3,5 puntos máis que a media de comunidades.

 

Finalmente, remarcou que o cuarto piar deste "crecemento san" pasa por acadar un alto nivel de pagamentos, dado que "é necesario que as administracións respondan con rapidez ás súas obrigas con empresas  e provedores". A este respecto, destacou que Galicia é a terceira Administración autónoma que paga con máis axilidade, nun tempo medio un mes inferior á media de comunidades.